O PSdeG arrinca o curso político co reto de "liderar unha Galicia máis modernizada"

Gonzalo Caballero reuniuse en Santiago cos presidentes socialistas de deputacións

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, deu inicio ao curso político do partido este domingo e manifestou a súa intención de liderar un "novo tempo" cun PSdeG á fronte da comunidade que impulse unha "Galicia máis igualitaria, modernizada e estable". 

Así o manifestou Caballero este domingo na Praza do Obradoiro, en Santiago, onde tamén sinalou que os procesos electorais da pasada primavera "acabaron coa hexemonía política" do Partido Popular en Galicia. Ao seu xuízo é o momento do Partido Socialista, que porá o foco en catro cuestións principais: a rexeneración das institucións, as políticas sociais, o feminismo e a sustentabilidade do medio ambiente. 

Para iso, o líder da oposición en Galicia reuniuse cos presidentes das deputacións presididas polos socialistas nesta mesma xornada e apuntou a estas catro bases que marcan as tarefas destes dirixentes e que serán fundamentais para este novo curso político. 

En concreto, propuxo unha nova forma de gobernar a través da rexeneración das institucións, que deixe á marxe "o amiguismo da Xunta" a determinados concellos, á vez que non esquece o compromiso cos servizos públicos e as políticas sociais. 

Ademais, Caballero asegurou que o PSdeG conta con referentes como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que exemplifica o "apoio á igualdade", un campo no que o PP "implica retrocesos importantes". 

Por outra banda, o desenvolvemento sustentable, conforma as preocupacións do seu partido, que pretende impulsar o "crecemento económico e a creación de emprego" a través de mecanismos que aproveiten os recursos, á vez que "respecten o medio ambiente".

"FEIJÓO NON CUMPRIU". Respecto destas cuestións, Caballero tamén aseverou que "a Xunta de Galicia suspende" por "non chegar ao nivel de desenvolvemento" que os socialistas buscan para Galicia e que "durante dez anos", o Goberno de Alberto Núñez Feijóo "foi incapaz de tratar ás persoas en pé de igualdade, impulsar as grandes cidades, así como o rural galego". 

Lanzou unha mensaxe no que asegura que "na Xunta de Galicia", na que "gobernarán os socialistas", haberá un compromiso coas sete grandes cidades galegas e todos os concellos para conseguir un impulso e dinamismo urbano que vai acompasado da modernización do medio rural. 

Neste sentido, "Feijóo non cumpriu" con "ningunha das súas promesas", "suspendeu en contas públicas" e está a elaborar un "relato para seguir á fronte da Xunta", xa que "a maioría social pono en cuestión". 

Comentarios