PSA Vigo recobrará a actividade completa o venres tras o fin da folga do provedor

A fábrica de PSA Peugeot Citröen en Vigo recobrará a plena actividade o venres na quenda de mañá, tendo en conta que un dos seus provedores, Treves, volverá mañá a producir as pezas de espuma que fornece tras pór fin a unha folga indefinida, informaron a Efe fontes da multinacional francesa.

En total serán seis as xornadas de parada na liña de produción II da fábrica de Balaídos, a que ensambla o C4 Picasso, ao que Treves fornece pezas de espuma para insonorización, asentos e alfombras.

A dirección previra unha serie de xornadas de axuste para este mes, polo que a folga en Treves en principio non incidiu na produción prevista ata finais do ano, da orde das 380.000 unidades. Cada xornada de paro equivale a 500 unidades que se deixan de producir na liña II.

O comité de Treves convocou folga indefinida para reclamar carga de traballo e melloras salariais e sociais, e hoxe a asemblea de traballadores ratificou o preacordo alcanzado onte coa dirección.

Comentarios