PSA Vigo expón rebaixar de media o 5% o salario dos novos contratos

A dirección de PSA Vigo expuxo hoxe unha nova táboa de evolución salarial para as futuras contratacións que na práctica suporía unha rebaixa media do 5% en todas as categorías, así como modular os complementos de nocturnidade e terceira quenda fixa en función da actividade nos mesmos.

Fontes sindicais consultadas por Efe sinalaron que os novos contratados cobrarán, segundo a nova proposta da dirección, entre 16.250 euros brutos anuais nos niveis de formación ata os 34.150 da categoría vixésima.

En canto aos complementos de nocturnidade e terceira quenda fixa, que en principio se ían a rebaixar á metade, a dirección quedou en presentar na próxima reunión co comité, que terá lugar o vindeiro luns, unha fórmula para modular o seu impacto no salario do traballador en función da actividade. é dicir, a maior número de horas traballadas, máis grande será a redución deses dous complementos, detallan as fontes sindicais.

Quedan por definir outros axustes que a dirección expuxo na primeira reunión da mesa negociadora, como son os complementos de cabina e de fin de semana, a prima de obxectivos e a antigüidade.

Os interlocutores da dirección trasladaron ao comité a idea de que estes aspectos se poderían negociar, algo que os sindicatos supeditan ao plan industrial para a fábrica de Balaídos que en principio lles trasladarán o vindeiro luns.

As fontes sindicais consultadas por Efe insisten en que antes de negociar axustes queren saber "cara a onde camiña" a planta viguesa de PSA. "Queremos negociar coas cartas boca arriba, sabendo a que modelo aspiramos. Non vale que digan que temos que remar sen dicirnos en que dirección", sinalan os sindicatos, que insisten en que o proxecto das novas furgonetas (K-9) polas que Vigo compite coa planta eslovaca de Trnava "non é suficiente".

A pretensión dos sindicatos é manter dúas liñas de produción a un "alto" índice de produción, "pero non a calquera prezo".

Comentarios