Provoca un incendio ao esquecer unha pota ao lume e trasládano inconsciente en Santiago

O suceso rexistrábase preto das seis da madrugada deste venres
 

Rúa Galeras
photo_camera O suceso rexistrábase na compostelá cale Galeras. GOOGLE

Un mozo perdeu a consciencia tras producirse un incendio no interior da súa vivenda situada na Rúa de Galeras, en Santiago, por mor dunha pota acesa e esquecida, informou no seu boletín oficial Urxencias.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso preto das seis desta madrugada mediante a chamada de veciños e compañeiros do afectado, que foi localizado inconsciente no medio dun intenso fume.

Así, desde o 112, pediuse a colaboración dos bombeiros da cidade para atallar o incendio orixinado por unha pota de comida esquecida no lume que se estendeu á campá extractora e aos mobles do ao redor.

Para atender ao ferido, acudiu ao lugar un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que, tras os primeiros coidados, trasladou ao raparigo en estado grave ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Os servizos de extinción contaron, tamén, co apoio dos corpos e forzas de seguridade locais e nacionais.

Así mesmo, os Bombeiros de Santiago tiveron que saír unha vez máis para atender un incendio no interior dun restaurante situado na Rúa Rosalía de Castro.

Foi antes do suceso de Galeras, concretamente ás 21:20 horas de onte, pero enseguida resolveuse debido aos escasos danos rexistrados.

Posiblemente foi o quecemento dun punto de luz o motivo que provocou un pequeno lume no illante do falso teito, sinalaron.

A chamada ao 112 dun particular permitiu activar o operativo para o que non foron necesarios máis medios debido á pronta resolución. 

Comentarios