Protesta nos xulgados de Vigo para denunciar o desafiuzamento dunha familia con fillos

O lanzamento está previsto para o próximo 25 de maio

A Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao de Vigo (FAVEC) desenvolveu este luns unha concentración ante os xulgados da cidade para denunciar o desafiuzamento por falta de pagamento de aluguer dunha parella con tres fillos menores, cuxo lanzamento está previsto para o próximo 25 de maio.

A presidenta da FAVEC, María Pérez, solicitou ante os medios de comunicación a "implicación" das administracións públicas, a conta de que os afectados "non teñen ingresos" e necesitan algún tipo de axuda social para seguir adiante.

A parella reside nunha vivenda situada na Travesía de Vigo e debe facer fronte a un aluguer de 300 euros que xa levan oito meses sen abonar, polo que se enfronta a unha débeda acumulada de 2.400 euros.

Este luns, explicou Pérez, celebrouse o xuízo por este caso e a parte denunciante non chegou a un acordo cos denunciados, o que obriga a estes últimos a "esperar" para coñecer a sentenza.

Despois, engadiu, presentarán documentación que acredite que xa solicitaron a Renda de Inclusión Social (Risga) autonómica e a súa "situación de vulnerabilidade".

A familia estivo a percibir a citada axuda durante un ano, ata hai "sete ou oito meses", cando lles foi retirada ao atopar o pai "un traballo de dúas horas diarias" e ao existir un erro á hora de presentar a documentación. Buscan que se lles dea un novo prazo para o lanzamento para que o pai de familia poida acceder a un posto a un traballo.

Actualmente, a familia sobrevive sen ingresos, o que derivou en que os tres menores, de 10, 12 e 15 anos, estean "tutelados" durante o día pola Xunta de Galicia e só volvan á residencia familiar para durmir.

Agora, abundou a presidenta da Favec, esperan acceder a unha axuda social autonómica ou local e demandan ao Concello que se adhira ao Plan de Vivendas Baleiras da Xunta. María Pérez tamén alertou da "saturación" do departamento de Benestar Social municipal, para o que reclamou máis empregados.

Comentarios