Prohibidas as queimas de restos forestais e agrícolas ata novo aviso

As queimas de restos forestais e agrícolas quedan prohibidas en Galicia ata novo aviso debido ás condicións actuais de temperatura e vento e ás previsións para os próximos días, informa nun comunicado a Consellería de Medio Rural.

Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos. A decisión tomouse logo de avaliar a situación meteorolóxica e unha vez analizados os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.

Tamén tendo en conta que a normativa, o decreto 105/2006 polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección de asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamento e repoboacións forestais, prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento.

Comentarios