Prisión provisional sen fianza para o home detido polo crime de Ares

O xulgado de instrución número un de Ferrol decretou este sábado prisión provisional sen fianza para o home detido pola súa suposta relación coa morte dun home acoitelado o pasado mércores en Ares. A muller arrestada, parella do falecido, quedou en liberdade provisional, coa obrigación de comparecer ante as autoridades os días 1 e 15 de cada mes. Ambos están imputados por un delito de homicidio, atendendo á información facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O xuíz adoptou esta decisión tras prorrogar a detención dos dous arrestados durante 24 horas, á espera de novas probas solicitadas pola Fiscalía. Tanto o home, A.M.G., como a muller, S.M.V., foran detidos o mesmo mércores, despois de que se achase o corpo sen vida de J.E.C.B., de 39 anos, na vivenda de Ares que compartían.

Segundo confirmaron fontes próximas ao caso, ambos estaban no piso cando faleceu o home, que morreu por feridas de arma branca.

Comentarios