A prisión un veciño da Coruña por incumprir reiteradamente o confinamento

Detivérono o mesmo día no que fora condenado polos mesmos feitos. Alegou que viña de facer a compra a catro quilómetros da súa casa

O xulgado de instrución número 8 da Coruña decretou este domingo prisión provisional, comunicada e sen fianza para un veciño da cidade detido pola Policía Local tras alegar que viña de facer a compra" a catro quilómetros da súa vivenda e xa fora denunciado polo mesmo feito en varias ocasións.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o sospeitoso foi detido o 9 de abril por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma e xa fora condenado polo mesmo delito ese día pola mañá no mesmo xulgado.

Nesa ocasión, chegou a un acordo coa Fiscalía e aceptou ser castigado con seis meses de prisión tras ser interceptado o día 8 de abril na avenida Pedro Barrié da Maza.

Tras unha nova detención o día da súa condena, o home non alcanzou un acordo coa Fiscalía, polo que a xuíza emitiu un auto no que decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

“Este feito non pode valorarse aisladamente, senón tendo en conta a condena anterior, catro quebrantamentos do confinamento que se reflicten nos feitos probados da sentenza e, incluso, que se trata da terceira detención polo mesmo motivo, o que fai que a súa conduta mereza a cualificación de grave”, destaca a xuíza.

Un veciño da Pobra do Caramiñal acepta unha multa de 600 euros
O xulgado de instrución número 2 de Ribeira, en funcións de garda, condenou ao pago dunha multa de 600 euros un veciño da Pobra do Caramiñal por cometer un delito continuado de desobediencia, coa agravante de reincidencia.

O sospeitoso, que xa foi condenado o pasado 1 de abril por incumprir o confinamento, chegou a un acordo coa Fiscalía sobre a pena, polo que a xuíza ditou sentenza oral na sala, segundo informou o TSXG nun comunicado.

O sospeitoso, que é drogodependente, recoñeceu que saíu á vía pública sen xustificación en trece ocasións, entre o 1 e o 10 de abril.

Comentarios