Os primeiros datos da vacinación contra o VRS en Galicia apuntan a unha caída das hospitalizacións entre bebés

O Sergas pechará este sábado os 'vacunódromos' e o dobre inmunización gripe-covid continuará en centros de saúde e hospitais
_MGT4771
photo_camera Bebé antes de ser vacunado por un enfermeiro. SEBAS SENANDE

Os primeiros datos publicados desde o inicio da vacinación contra o virus respiratorio sincitial (VRS) en Galicia, o pasado 25 de setembro, apuntan a unha importante caída das hospitalizacións entre os bebés por este patóxeno que causa enfermidades como a bronquiolitis. Segundo un informe dado a coñecer este luns pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, consultado por Europa Press, na actual tempada de VRS 2023/24 diminuiron os ingresos en todos os grupos de bebés estudados en comparación con todas as tempadas desde 2017, fóra das 2020/21 e 2021/22, que coincidiron co groso da pandemia da covid-19. 

Esta campaña de vacinación con Nirsevimab, iniciada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) en España por primeira vez, chegou a un total de 8.909 nenos desde o 25 de setembro e ata o 26 de novembro -semana 47 do ano-, data de corte do informe de Saúde Pública. A participación, xa que logo, situouse no 86% da poboación diana

O informe de Saúde Pública presenta os primeiros resultados sobre hospitalizacións divididos en tres grupos. O primeiro correspóndese cos nados entre abril e setembro. Na actual tempada 2023/24, ata o 26 de novembro, houbo 12 ingresos por VRS en total, fronte aos 30 de media doutras tempadas. A incidencia acumulada na semana 47 do ano situouse nas 27,9 hospitalizacións por cada 100.000 habitantes, mentres que en anos anteriores a media era case dez veces maior, de 262,6 por cada 100.000 habitantes. 

O segundo grupo correspóndese cos lactantes menores de dous meses, entre os cales na presente tempada houbo sete hospitalizacións fronte ás nove das anteriores -sempre ata o 26 de novembro-. Neste caso, a diferenza vólvea a marcar a incidencia acumulada na semana 47: dos 257, 4 ingresos por 100.000 habitantes de media das tempadas pasadas ata os 39,3 da actual. De feito, a tempada anterior (2022/23), o pico de incidencia neste grupo chegou ás 1.200 hospitalizacións por 100.000. 

O terceiro dos grupos analizados é o de lactantes de menos de cinco meses, con 14 ingresos no que vai de tempada fronte aos 23 das anteriores. Se se observa a incidencia acumulada, volve ser notablemente inferior na actual, con 39,7 hospitalizacións por 100.000 habitantes, con respecto ás anteriores, con 196,6 de media. 
Ademais, estes datos fanse aínda máis evidentes cando se comproba como está a golpear o VRS a nenos de maiores idades, que non están vacinados, ou incluso a adultos de máis de 60 anos. 

Así mesmo, o Sergas informou nun comunicado que este sábado, 9 de decembro, se pechará a dobre campaña de vacinación gripe-covid nos recintos masivos, coñecidos como "vacunódromos". Estes 13 espazos, insignia da vacinación contra o coronavirus en Galicia, volveron abrir o 26 de outubro para citar a pacientes de entre 65 e 79 anos. Tras o seu peche, a campaña de inmunización continuará en hospitais e centros de saúde. 

Comentarios