As primeiras axudas da Xunta aos cines reforzarán a viabilidade de 21 salas de 13 localidades

Cines Cristal de Lugo figura na resolución como unha das salas beneficiarias
Pantalla de un cine. PIXABAY
photo_camera Pantalla dun cine. PIXABAY

A Xunta de Galicia adxudicou case 240.000 euros no marco da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Deste xeito, segundo indicou o Goberno galego, dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, acordada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade. 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo este luns un encontro cos representantes de dúas das salas beneficiarias: Xan Gómez, de Numax de Santiago de Compostela, e Luís Rivadulla, de Minicines Central da Estrada, integrantes así mesmo de Promio, a nova rede de exhibición independente a nivel estatal. 

A Xunta primará as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes á hora de repartir as axudas

Xunto con elas, tamén figuran na resolución publicada este luns na web da Agadic os Cines Avenida de Caldas de Reis, Cantóns Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espazo Coruña e Os Rosales da Coruña, Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Cines Ribadeo, Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela, Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo, Cines Gran Arousa de Vilagarcía, Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia.

ADAPACIÓN DIXITAL E SANITARIA. A Xunta sinalou que as contías outorgáronse en función do número de pantallas dos cines, primando ademais as salas situadas en localidades de menos 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal

Serán destinadas especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou invitacións, dirixidas á infancia, á mocidade e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia. 

Esta nova vía de apoio, dotada na súa convocatoria con 350.000 euros, enmárcase nos obxectivos asumidos polo Goberno galego a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da Covid-19, especialmente no referido á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Dentro desta mesma dinámica, as salas de cine contaron o ano pasado cun programa extraordinario de apoio por 120.000 euros. 

Comentarios