A Xunta recibe o Premio Nacional de Innovación polo proxecto de Rozas

Francisco Conde recolleu o galardón na categoría de Compra Pública Innovadora
Conde, a la derecha, junto a los premiados en presencia del Rey
photo_camera Conde, a la derecha, junto a los premiados en presencia del Rey

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, recolleu este luns en Alcalá de Henares (Madrid) o Premio Nacional de Innovación e Deseño 2016 outorgado Axencia Galega de Innovación (Gain) na modalidade Compra Pública Innovadora polo proxecto de avións non tripulados de Rozas. Ao seu xuízo, este galardón supón un recoñecemento ao traballo en materia de innovación por parte da Xunta e ao carácter pioneiro deste polo tecnolóxico e industrial.  

Conde felicitou ao equipo de Gain por este recoñecemento, á vez que agradeceu á Secretaría de Estado de I+D+i a concesión deste premio e a súa colaboración, xunto ao Ministerio de Defensa a través do Inta, no polo de avións non tripulados de Rozas.

Nesta iniciativa, a Xunta conta con dous socios industriais (Indra e Inaer) e co tecido produtivo galego, a través de pemes, universidades e centros de coñecemento. "O obxectivo é converter Rozas nunha iniciativa pioneira e que sexa sinónimo de innovación, competitividade e creación de emprego de calidade", engadiu.  

Francisco Conde: "O obxectivo é converter Rozas nunha iniciativa pioneira e que sexa sinónimo de innovación, competitividade e creación de emprego de calidade"

Tamén subliñou a aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora para dar solucións que poidan permitir o desenvolvemento de iniciativas por parte das pemes galegas para que sexan "máis competitivas", favorecendo así a creación de empregos estables e de alta cualificación, e "consolidando en Galicia un ecosistema de innovación e de talento".

LABOR DOS PREMIADOS EN INNOVACIÓN. A avaliación das candidaturas presentadas realízase por dous xurados distintos, un para os Premios Nacionais de Innovación e outro para os Premios Nacionais de Deseño. En concreto, o Premio Nacional á Traxectoria Innovadora foi entregado a Carlos Moro González pola súa traxectoria comprometida coa innovación, introducindo procesos e produtos innovadores no sector vinícola respectando o medio ambiente, a sustentabilidade e utilizando a I+D+i como clave estratéxica de competitividade, segundo resaltou o xurado.  

Mentres, o Premio Nacional á Compra Pública Innovadora recaeu na Axencia Galega de Innovación xa que, segundo apunta a acta, soubo integrar a capacidade de estímulo do tecido produtivo mediante a contratación pública coa oportunidade que ofrecían a existencia dunha infraestrutura pública en Galicia, as condicións favorables para o desenvolvemento das actividades aeroespaciais experimentais e o carácter estratéxico do desenvolvemento de sistemas aéreos non tripulados.  

Felipe VI: "As escolas e as universidades do século XXI deben incidir na cultura da innovación; é sen dúbida a mellor aposta de futuro"

Pola súa banda, o Premio Nacional á Internacionalización foi para Cosentino. O xurado destacou a súa habilidade de transformación do sector da explotación de canteiras. "Mediante a introdución de procesos innovadores e unha forte dose de deseño, logrou producir unha categoría de produtos inédita a nivel mundial", sinalaron. Ademais, destacaron "a súa consolidada expansión internacional baseada nun sistema de distribución e atención ao cliente único no seu sector, así como a súa decidida aposta pola I+D+i".

OS REIS ENTREGARON OS PREMIOS. Os Reis entregaron estes galardóns xunto á secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e o alcalde de Alcalá de Henares, Javier Rodríguez.  

Así, o Rei Felipe VI afirmou que "un emprendedor, unha empresa, un sector ou un país que nun mundo tan globalizado non innova queda, no mellor dos casos, a remolque dos demais; e perde, con iso, capacidade de iniciativa, liderado e competitividade". Así mesmo, o monarca sinalou que resulta "fundamental espertar e fomentar as vocacións innovadoras en España" e subliñou que "as escolas e as universidades do século XXI deben incidir na cultura da innovación; é sen dúbida a mellor aposta de futuro".  

"Se queremos de verdade impulsar a innovación no noso país, debémolo facer entre todos; participando activamente nos procesos que a materializan, ou apoiando, incentivando, premiando e dando a debida consideración e atención social aos seus protagonistas, ás súas obras e iniciativas", resaltou o Rei, á vez que indicou que "realmente, trátase dunha actitude, incluso dunha cultura, pois o financiamento (gasto, investimento ou patrocinio) en si mesma, aínda que moi necesaria, non garante por si soa a innovación".  Neste sentido, Felipe VIN subliñou que resulta "innegable" que a innovación e o deseño –como tamén a ciencia– son alicerces básicos da competitividade, posto que permiten situarse mellor no mercado. Así mesmo, engadiu que "garantir a competitividade da economía a medio prazo pasa por acometer accións estratéxicas e promover procesos de innovación en todos os sectores e ámbitos".

Comentarios