O PP gañaría as eleccións en Galicia e o BNG podería ser segundo, segundo o CIS

O barómetro de xuño estima que a formación liderada por Feijóo obtería o 38,7 por cento dos votos nos comicios do 12-X
Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

 O PP gañaría as eleccións en Galicia e o BNG podería quedar segundo, por diante do PSdeG, segundo o último barómetro do CIS publicado este mércores, que mostra que un 34,7 por cento dos enquisados pensan votar aos populares e un 14,8 por cento aos nacionalistas. No caso do PP, a porcentaxe de votantes podería chegar a un 38,7 por cento se se suma o criterio da "simpatía" por este partido. 

Por detrás do PP situaríase o BNG, cun 14,8 por cento de enquisados que pensan votarlles —aínda que poden chegar a un 17,6 por cento—, seguidos do PSOE, cun 14,1 por cento. Os socialistas poderíanse en segundo lugar, cun 18,6 por cento, atendendo ao concepto do CIS que suma voto e simpatía. 

Moi por detrás destes partidos sitúanse Galicia en Comun-Anova-Mareas, cun 2,5 por cento que di que lle votará; Vox, cun 0,4 e Ciudadanos, un 0,1. 

Ademais, o actual presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, é o máis valorado dos líderes galegos, cunha puntuación media de 6,1, e o único xunto ao socialista Gonzalo Caballero e Ana Belén Pontón, do BNG, que aproba nesta enquisa. Pontón obtén un 5, situándose en segundo lugar, seguida de Caballero, cun 4,9. 

Feijóo é o mellor considerado para ser presidente nestes momentos, xa que o prefiren o 53,1 dos enquisados, fronte a un 12,5 por cento que opta por Pontón e un 12,3 por cento por Caballero.

Do resto de líderes o mellor valorado é Antón Gómez-Reino, de Galicia en Común, con 3,9; seguido de Beatriz Pino (Cs), con 3,6 e Ricardo Morado Fajardo (Vox) un 3,5. 

En todo caso, só un 61,1 por cento das persoas enquisadas din que "con toda seguridade" irán votar nas eleccións galegas, mentres que hai un 5,4 por cento que ten claro que non acudirá ás urnas.

Comentarios