O PPdeG felicita o Nadal con frases de Torra, Biden, Pontón e Zapatero

Os populares comparten un vídeo no que se montan intervención de varios políticos para mandar unha mensaxe de unión
Un fragmento do vídeo do PPdeG no que sae Torra.
photo_camera Un fragmento do vídeo do PPdeG no que sae Torra

O PP de Galicia presentou este domingo nas súas redes sociais un vídeo para felicitar o Nadal de 2020 no que, ademais do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, aparecen fragmentos de líderes políticos como o xefe do Goberno central, Pedro Sánchez, o presidente electo de Estados Unidos, Joe Biden, o saínte, Donald Trump, e dirixentes doutras comunidades autónomas. 

Ademais, figuran nesta montaxe o expresident catalán Quim Torra, o líder nacional do PP, Pablo Casado, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, os expresidentes do Goberno Mariano Rajoy, José Luís Rodríguez Zapatero, José María Aznar e Felipe González, e mesmo á líder da oposición galega: a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. 

"Que estas festas tan entrañables sirvan para unir o que nunca debeu estar desunido. Que a política se inspire na xenerosidade dos cidadáns, e non os cidadáns na crispación da política. Que esteamos máis xuntos o ano que vén do que o estivemos este. E que 2021 podamos recuperar o ánimo e a ilusión que tentou arrebatarnos o que agora termina", expresan entre todos eles, a través de diferentes fragmentos. 

Con esta montaxe, os populares galegos buscan lanzar á cidadanía "unha mensaxe positiva de entendemento e xenerosidade" fronte a "a crispación que domina desde hai anos a política nacional", tal e como explican nun comunidado. 

Así, o PPdeG subliña que todos os líderes do vídeo, con "diferente procedencia, ideoloxía, credo ou condición", conforman un "desexo conxunto de unidade ante as adversidades" que poidan vir co 2021 tras as que levou parellas o 2020. É "unha forma de evidenciar o potencial da política cando aparca as diferencias partidistas e se centra nese entendemento que tanto reclama a cidadanía". 

Comentarios