O PPdeG aproba en solitario a lei que obriga os restaurantes a entregar as sobras en envases sen plástico

BNG e PSdeG votan en contra desta norma, que a Xunta comezou a tramitar en 2019, por vela "obsoleta" e pola súa falta de "acordo" 
Ángeles Vázquez, este martes no Parlamento galego. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Ángeles Vázquez, este martes no Parlamento galego. PEPE FERRÍN (AGN)

A maioría absoluta do PPdeG no Parlamento galego permitiu este martes a aprobación definitiva da nova lei de residuos e solos contaminados de Galicia. Entre outras medidas, contempla a obrigatoriedade de que os restaurantes entreguen as sobras das comidas aos clientes, que deberá realizarse en envases sen plásticos e preferentemente reutilizables. 

Esta norma, que entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), topouse co 'non' unánime dos dous grupos da oposición, cuxas emendas foron rexeitadas de novo no pleno. Tanto BNG como PSdeG vena "obsoleta" fronte á normativa europea e critican a falta de "acordo" ao longo da súa tramitación na Cámara. 

Ante a presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a encargada de defender o texto final desta lei -enviada pola Xunta ao Parlamento xa a finais de 2019- foi a deputada do PPdeG Marta Nóvoa, quen recalcou que Galicia se converterá en "pioneira" de entre as comunidades para dar cumprimento ao marco europeo de xestión de residuos. 

Un dos labores principais da nova norma é a diminución dos refugallos, que en 2025 -fronte ao 2030, como marca a Unión Europea- deberán ser en Galicia uns 15% inferiores aos do ano 2010. En canto aos residuos alimentarios, o obxectivo é reducilos nun 30% para o ano 2025 e nun 50% para o 2030, o que está directamente vinculado á obrigatoriedade de que os restaurantes entreguen as sobras. 

Ademais, a lei incide na chamada 'vertedura técnica cero', é dicir, que só o 10% da cantidade xerada en 2035 acabe en vertedoiros -algo que a pública Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) logrou xa en 2020, segundo datos da Xunta- e que a reciclaxe de envases alcance o 65% en 2025 e o 70% en 2030. 

A norma fixa obxectivos para incrementar progresivamente os residuos domésticos e comerciais destinados á reutilización e á reciclaxe para as fraccións de papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos e outros susceptibles de ser preparados para a reutilización. No seu conxunto, deberán lograr un mínimo dun 55% en peso para 2025 e o 60% para 2030. 

Isto complementarase coa "colaboración" da Administración autonómica para a posta en marcha de centros especializados para a reutilización, en especial de aparellos eléctricos e electrónicos, téxtiles e mobles. 

A nova norma de residuos tamén obriga aos concellos a instaurar a recollida separada antes de que conclúa o ano 2023, desterra a venda de vaixelas de plástico dun só uso e blinda a prohibición de entregar bolsas de plástico de maneira gratuíta. 

En materia de solos contaminados, establece un réxime sancionador con multas de até 1,7 millóns de euros e, por mor dunha transacción da oposición, a Administración comprométese a realizar un mapa de solos alterados que inclúa información sobre "o tipo de contaminantes e os riscos para a saúde e para o medio". BNG:

"É UNHA LEI DO PLEISTOCENO", Por parte da oposición, o deputado do BNG Luís Bará tachou o texto de "lei do Pleistoceno" por ser "desfasada, obsoleta, anticuada e do pasado". "Non ten en conta a nova realidade na que estamos", dixo, en referencia á crise sanitaria da covid. 

Tamén criticou que o PPdeG non fixese "ningún esforzo en chegar a un acordo coa oposición" e rexeitase que, durante o trámite na Comisión 2ª da Cámara, comparecesen "até 12 persoas representativas" do sector e do propio Goberno galego. "Vostedes teñen alerxia á participación", engadiu Bará. 

Fronte a estas críticas, a popular Marta Nóvoa reprochoulle que estas solicitudes de comparecencia rexistrásense "sen previamente acordar con ninguén". Ademais, lembrou ao deputado nacionalista que diferentes asociacións xa deron as súas achegas na fase de exposición pública aberta tanto na Xunta como no Parlamento, no portal 'Lexisla con nós', pero que non se incluíron por "non coincidir coa finalidade e os obxectivos da lei".

GALICIA, EN "POSTOS DE DESCENSO" EN RECICLAXE. Non en balde, Luís Bará tamén asegurou que Galicia está en "postos de descenso" con respecto ao resto de autonomías en canto aos obxectivos de reciclaxe marcados pola UE: "Só mellor que Ceuta e Melilla". 

E cargou contra o modelo de "incineración" perpetrado pola central de Sogama en Cerceda (A Coruña), a "gran factoría do cambio climático". Fronte a este modelo, reivindicou o plan 'Revitaliza' da Deputación de Pontevedra, institución gobernada por socialistas e nacionalistas. 

De feito, destacou que hai municipios desta provincia gobernados polo PP, como As Neves, O Grove e Mondariz, que están "na fase máis avanzada" de 'Revitaliza', que incide en "tratar os residuos na proximidade". 

Con todo, a portavoz do PPdeG neste debate aseverou que este proxecto da Deputación "só" conseguiu diminuír "nun 0,86% a emisión de residuos a Sogama" por parte de toda a provincia "e grazas a Vigo, que non está no plan 'Revitaliza'". 

"Nós estamos de acordo co 'compost'", asegurou Nóvoa, aínda que defendeu a incineración de residuos por ser unha técnica "permitida pola UE" e que utilizan "seis comunidades autónomas" en toda España.

PSDEG: "GALICIA QUEDA ATRÁS". Pola súa banda, a deputada do PSdeG Paloma Castro tamén afeou a negativa do PP a un "achegamento de posturas": "Na tramitación, o bo ton do relatorio quedou só niso, nun bo ton, porque ao final houbo unha ausencia total de participación cos grupos e cos sectores afectados". 

"Con esta lei, Galicia queda atrás", subliñou a socialista, quen posteriormente advertiu que cando a nova normativa estatal de residuos entre en vigor "nuns meses", a lei galega aprobada este martes "vai quedar obsoleta". 

Castro non pasou por alto que este texto "leva enriba da mesa" desde 2018, cando foi anunciada pola exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato; e censurou que non faga unha "aposta decidida pola xestión eficiente dos recursos" nin por buscar "o compromiso dos axentes económicos e sociais e da cidadanía". 

Ao seu xuízo, é "pouco ambiciosa" en comparación á normativa europea e a outras leis autonómicas, "falta aposta polo investimento en I+D" e non está adaptada á pandemia da covid-19, que levou "un aumento de determinado tipo de residuos" domésticos que non son reutilizables, como as máscaras e as luvas, entre outros. 

Así mesmo, a deputada do PSdeG subliñou que o sector da xestión de residuos ofrece unha "enorme oportunidade de crear emprego" e, neste sentido, lembrou que os socialistas propuñan un "imposto verde", coordinado co Estado, que estimulase con incentivos fiscais os "comportamentos máis respectuosos" co medio. 

Comentarios