A Xunta financiará a creación de 30 novas casas do maior

O rural galego sumará 113 destes centros ► A Administración galega destinará 3,5 millóns a potenciar a adquisición de vivenda protexida en centros históricos e en rural e a compra entre os mozos 
 
Consello da Xunta
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que a Xunta financiará a creación de 30 novas casas do maior para alcanzar os 113 centros que prestan este servizo en concellos do rural galego. 

Logo de destacar que "o principio reitor do sistema de dependencia en Galicia é que os maiores poidan decidir libremente como e onde se fan maiores", Feijóo confirmou que en Galicia se lle dará "un novo impulso a este recurso de conciliación e atención" cun investimento de 3 millóns de euros. 

Deste xeito, increméntanse nun 25% as prazas de casas do maior existentes e, ademais, aumentan as axudas ás que levan tres anos en funcionamento. 

Segundo trasladou, aumenta nun 25% a axuda anual que perciben, pasando dos 19.600 euros actuais a 24.200 euros. Tamén haberá un financiamento extra de 5 euros por persoa/día para facerse cargo do desprazamento. 

Para concluír, Feijóo recordou que nas casas do maior, "fórmula pioneira en España", aténdese de xeito gratuíto a cinco persoas maiores durante un máximo de 8 horas diarias de luns a venres, "con flexibilidade horaria e garantías de seguridade e calidade".

VIVENDA PROTEXIDA. Feijóo tamén informou de que o Consello da Xunta analizou este xoves as tres liñas de apoio que se activarán en 2022, cun orzamento de 3,5 millóns, para potenciar a adquisición de vivenda protexida, así como en centros históricos e no rural, sobre todo por parte de mozos menores de 35 anos.

Sobre a primeira delas, coa que se impulsará a compra de vivenda protexida cun orzamento de 2 millóns –"multiplicando por cinco o do ano anterior"–, explicou que as persoas interesadas poderán dispor dunha axuda equivalente ao 20% do inmoble cun límite de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 e de 12.000 a 16.000 euros no resto de casos.

En canto aos beneficiarios, precisou que deberán ser adquirentes ou adxudicatarios dunha vivenda de protección autonómica ou subscribir un contrato privado de compravenda visado polo IGVS, ou unha escritura pública que conteña cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda. Ademais, avanzou que este venres se publicará a resolución desta convocatoria e a partir do sábado abrirase o prazo para solicitar as axudas, ata o 30 de setembro. 

En relación á segunda liña, Feijóo destacou que a próxima semana convocaranse as axudas para comprar vivendas en centros históricos por medio millón de euros. Neste caso, dixo, as contías poderán chegar aos 15.000 euros se os inmobles localízanse nalgún concello con Área Rexurbe, ata 12.800 se o solicitante é menor de 35 anos e a 10.800 no resto dos supostos. Os interesados terán ata o 30 de setembro para facer as súas solicitudes.

Para rematar, referiuse a unha terceira liña de axudas por 1 millón de euros para apoiar a compra en concellos rurais para os menores de 35 anos, que se publicará en febreiro, como "incentivo" para facilitar o acceso á vivenda das persoas novas e apoiar os municipios con menos poboación.

PLAN PIONEIRO DE EMANCIPACIÓN. O Consello tamén deu luz verde a un programa pioneiro para promover a emancipación no rural dun centenar de mozos do sistema de protección de menores. Esta nova iniciativa facilitará o tránsito á vida adulta destes mozos en concellos das provincias de Ourense e Lugo, para o que o Goberno galego investirá un millón de euros.

Este programa ten dous obxectivos: procurar o mellor escenario para que os mozos do sistema de protección poidan desenvolverse persoal e profesionalmente e contribuír á revitalización demográfica destas zonas de Galicia. En definitiva, trátase de que poidan instalarse en territorios rurais, formarse e dar os seus primeiros pasos no mundo laboral.

Os técnicos desta iniciativa pioneira axudarán os mozos no proceso de aluguer dunha vivenda e farán un seguimento constante dos primeiros pasos da súa emancipación. Para pór en marcha estas medidas, a Xunta de Galicia contará coa colaboración de Igaxes, entidade sen ánimo de lucro cunha ampla experiencia acumulada apoiando a autonomía dos menores. 

Comentarios