Os positivos en residencias baixan ao medio centenar tras dous meses de vacinación

Entre os traballadores hai unicamente 19 casos
Residencia Vila do Conde de Gondomar. ADP
photo_camera Residencia Vila do Conde de Gondomar. ADP

Os casos activos de coronavirus nas residencias de maiores de Galicia baixaron ata os 50, de acordo cos datos ofrecidos pola Xunta deste sábado, xornada na que se cumpren dous meses desde o inicio da campaña de vacinación nestes centros. 

Así, segundo o balance da Administración galega con cifras de última hora do venres, os maiores contaxiados descenderon en oito nunha xornada con nove altas —cinco en DomusVi Laraxe, en Cabanas; dous en DomusVi Carballo; un en San Bartolomeu de Xove; e outro na Xardín Castro Lareira de Salceda de Caselas— e só un novo positivo, concretamente na Residencia Milagrosa da Coruña. 

A DomusVi Laraxe mantense como primeiro foco dos xeriátricos galegos, con 21 casos activos, seguida do centro A miña Casa de Ferrol. Tras estas, está A Milagrosa da Coruña, pero só con cinco infectados. 

A Vivenda Comunitaria Urzáiz de Vigo ten dúas, igual que O Casón de Moeche, mentres que as seguintes residencias contan cun caso cada unha: DomusVi Carballo, Fogar Residencial Blanco Amor de Boborás, o xeriátrico de Carballeda de Valdeorras, o de Viana do Bolo e o Xardín Castro Lareira de Salceda.

TRABALLADORES. En canto aos traballadores destes centros, o total de casos activos descendeu a 19 tras o alta dun empregado nos apartamentos para maiores da Pastoriza.

DomusVi Laraxe tamén é o principal foco entre os traballadores, con catro infectados. Con dous casos nos seus persoais están A miña Casa de Ferrol, a residencia San José de Arzúa e a San Bartolomeu de Xove. 

Mentres tanto, contan cun único caso o Fogar Residencial de Cerceda, o xeriátrico de Caranza en Ferrol, a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, a Servisenior de Brión, a residencia da Pastoriza, As Gándaras de Lugo, Nosa Señora do Carme de Sarria, A nosa Señora Mundil de Cartelle e DomusVi Ribadumia.

CENTROS DE DISCAPACIDADE. No que respecta aos centros de atención á discapacidade (CAPD) de Galicia, mantense sen cambios con 10 usuarios con covid-19. En concreto, a Pai Menni de Betanzos conta con cinco positivos, o centro Aspanaes das Pontes rexistra catro e un A nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente. 

Polo seu lado, hai tres traballadores destes centros contaxiados. Así, un positivo corresponde ao CAPD da Coruña, outro na Residencia Aspanaes das Pontes e un na DomusVi Bóveda. 

Comentarios