Portugal rebaixa a peaxe da autoestrada que une o país luso con Verín

O Goberno luso abarata o prezo de varias vías fronteirizas con España a partir do 1 de agosto

O Goberno portugués vai reducir o importe das peaxes de varias autoestradas do país, fronteirizas coa veciña España, unha rebaixa que entrará en vigor a partir do próximo 1 de agosto, entre eles o da A24 entre Viseu e Chaves, localidade que conecta o país luso con Verín (Ourense).

Segundo unha orde ministerial publicada este mércores, reduciranse as peaxes na A22 entre Lagos e Vila Real de Santo António (fronteiriza coa provincia de Huelva), a A25 no tramo entre Albergaria-a-Velha e Vilar Formoso (na fronteira con Salamanca), na A23 entre Torres Novas e Guarda (tamén moi preto de Salamanca) e na A4 entre Amarante e Quintanilha (lindeira coa provincia de Zamora).

O Goberno explica que esta rebaixa no importe das peaxes responde ao seu compromiso coa promoción da cohesión territorial no interior do país, que comprende rexións "economicamente máis desfavorecidas ou xeograficamente máis penalizadas".

Ademais, tamén se van a ampliar os descontos xa existentes para os vehículos pesados e de mercancías nas mesmas autoestradas, co obxectivo de "mitigar os efectos das peaxes na actividade económica e as exportacións e concretamente nos custos do transporte de mercancías".

Concretamente, os descontos pasan do 10% ao 15% no período diúrno e do 25% ao 30% no nocturno (entre as 20.00 e as 7.59 horas) e nas fins de semana.

As vías nas que se van reducir as peaxes son algunhas das que antes se coñecían como "SCUT" (acrónimo de Sen Custo para o Usuario e construídas con fondos europeos), pero que en 2011 deixaron de ser gratuítas tras unha decisión do anterior Goberno luso, coincidindo co agravamento da crise económica en Portugal.

Comentarios