Pontón lamenta que Feijóo elixa "eleccións" fronte á "saúde dos galegos"

A portavoz nacional do BNG dubida de que sexa legal convocar uns comicios durante o estado de alarma
Pleno del Parlamento. ARCHIVO
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo que segue pensando en que "non hai garantías sanitarias" para convocar eleccións autonómicas e, en todo caso, advertiu de que o decreto asinado polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 18 de marzo cinguía a posibilidade de convocalas a que estivese levantado o estado de alarma, polo que dubida da "súa legalidade".

Pontón censurou que as forzas políticas decatáronse a través dunha rolda de prensa do presidente da Xunta que os ía a chamar para unha convocatoria este xoves. "Nunha democracia son importantes as formas e non son xeitos de convocar aos partidos políticos, a través dos medios de comunicación e unha rolda de prensa na TVG, que se converteu nunha especie de Tele-Feijóo", reprochou.

A dirixente nacionalista, que cando se decatou desta cuestión estaba xunto ao resto de portavoces parlamentarios nunha sesión da Deputación Permanente da Cámara galega, indicou que "fose máis presentable desde o punto de vista democrático" que coñecesen esta información "a través dunha chamada ou unha convocatoria". "é unha demostración máis de prepotencia e falta de diálogo coa que actúa Feijóo", recriminou.

O presidente da Xunta ten obrigación de ouvir aos grupos políticos antes de volver convocar eleccións autonómicas, como así o acordaron antes de asinar o decreto polo que se anularon as eleccións, o cal contou co aval da xunta electoral de Galicia, que é o árbitro no proceso electoral.

Sobre o fondo da cuestión, Pontón sinalou que Feijóo tiña que "escoller entre a saúde dos galegos ou eleccións, e escolleu o segundo". "Seguimos pondo en primeiro plano a saúde dos galegos e é unha temeridade e unha irresponsabilidade convocar eleccións. Non se dan as garantías sanitarias nin democráticas para celebrar unha cita coas urnas", aseverou.

Dubida da súa legalidade

A portavoz nacional do BNG indicou que os galegos "non están a pensar nas eleccións, senón en facer fronte a " a situación sanitaria.

E, en todo caso, mostrou as súas dúbidas sobre a "legalidade" de convocar eleccións neste momento, tendo en conta que o acordo di, literalmente, que "a convocatoria ser fará unha vez que se levante o estado de alarma". "Esta condición non se cumpre", sinalou Pontón, mentres que Feijóo apoiouse este mércores en informes de expertos para decantarse por celebrar comicios canto antes.

A portavoz nacional do BNG indicou que "se tiña sentido en marzo, ten moito máis sentido agora mesmo" evitar as eleccións ata o levantamento do estado de alarma e apuntou que "non hai ningún experto que poida aseverar que non hai risco de rebrote nin ningún experto que poida aseverar que é lóxico concentrar a unha porcentaxe alta da poboación galega para ir votar en xullo". "A nós isto parécenos unha temeridade e unha irresponsabilidade e unha decisión de dubidosa legalidade", remarcou.

Así as cousas, a dirixente nacionalista ha visto "confirmadas" as súas predicións do pasado luns, cando dicía que "todo apunta a que Feijóo quere seguir o ronsel de Urkullu". "Veremos que pola mañá se celebra unha reunión dos partidos vascos e pola tarde Feijóo fará coincidir as eleccións co que decida Urkullu", augurou.    
 

Comentarios