Policías concéntranse en Santiago contra as medallas concedidas tras Angrois

Medio centenar de funcionarios do Corpo Nacional de Policía (CNP) concentráronse hoxe ante a Comisaría de Santiago de Compostela para protestar pola concesión de medallas con motivo do accidente de tren do pasado 24 de xullo, no que morreron 80 persoas, ao consideralo un acto "escandaloso, miserable, obsceno, un acto típico de corrupción".

A concentración, ao redor dunha pancarta coa lenda Atraco ao tren das medallas, foi encabezada por representantes dos tres sindicatos maioritarios do corpo, SUP, CEP e UFP, que leron un comunicado no que expresaron o seu recordo polas vítimas e o traballo "incuestionable, de gran profesionalidade... sen importar os riscos e sobrepóndose a un tráxico escenario" que realizaron os funcionarios na ''tristemente famosa curva de Angrois".

"Pero ese orgullo -denuncian no escrito- desaparece cando os que dirixen o Ministerio do Interior, aproveitando o risco e traballo deses funcionarios, premian e condecoran a outros que nin sequera pisaron o escenario da catástrofe".

Os tres sindicatos critican especialmente a concesión da Cruz ao Mérito Policial con Distintivo Vermello, "pensionada cun 10 por cento do soldo", a funcionarios que non participaron no dispositivo concreto de urxencias, que non pisaron as vías do tren, que non correron risco algún, "que non sacaron cadáveres dos vagóns" e cuxo traballo se limitou, por exemplo, a tramitar o Atestado, "comodamente sentados diante dun computador".

Insisten nos funcionarios que si estiveron desde o principio no lugar do accidente, dos que preto de 40 non foron obxecto de recoñecemento algún, cando naquel momento non se sabía "se aquela traxedia era froito dun atentado terrorista, se a catenaria da vía tiña fluído eléctrico ou se o incendio dun dos vagóns íase a estender".

Para os sindicatos, "este comportamento por parte da DGP non é novo", pero agregan que, "neste caso, resulta escandaloso, miserable, obsceno, un acto típico de corrupción".

No manifesto lido na concentración refiren casos concretos, con nomes e apelidos e cargos, de mandos que reciben a medalla, ao seu entender, contravindo o establecido pola lei, polo que lles piden que renuncien, xa que, "pola contra, quedarán marcados, para sempre, co estigma de terse aproveitado da desgraza dos demais sen facer nada por eles".

No transcurso da concentración gardouse silencio polas vítimas mentres se escoitaba unha canción composta pola funcionaria Sandra Campos con motivo do sinistro do Alvia 04155 en Santiago de Compostela e en recordo das vítimas, cuxa plataforma lles enviou unha carta que tamén foi lida e na que os instan a sentirse orgullosos polo traballo realizado e mostran o seu agradecemento.

Na misiva, a asociación de vítimas demanda "que todos os recoñecementos que se concedan estean dentro do marco que establece a Lei".

O Alvia que cubría a ruta entre Madrid e Ferrol descarrilou o 24 de xullo de 2013 á altura do núcleo compostelán de Angrois, na curva da Grandeira, e por este accidente atópase imputado o maquinista, Francisco José Garzón Amo.

Comentarios