Podemos Galicia elixirá secretarios xerais en 11 municipios

Haberá asembleas nas sete grandes cidades e, ademais, en Ames, Gondomar, Sanxenxo e Sarria

Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)
photo_camera Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)

O Consello Cidadán Autonómico (CCA) de Podemos Galicia decidiu por unanimidade convocar asembleas cidadás locais para elixir os secretarios xerais municipais de once cidades e vilas galegas.

A proposta do novo secretario xeral, Antón Gómez-Reino decidiuse a celebración de primarias nas sete grandes cidades de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra e Vigo) e tamén nos municipios de Ames (A Coruña), Gondomar (Pontevedra), Sanxenxo (Pontevedra) e Sarria (Lugo).

O obxectivo destas eleccións primarias é conseguir "reactivar o partido a nivel local, ampliar a capacidade de decisión das bases e impulsar o funcionamento aberto e democrático da formación", sinala a formación morada nun comunicado.

Segundo Gómez-Reino levar ao cabo este proceso dá cumprimento ao compromiso adquirido ante os inscritos na formación durante a campaña das primarias autonómicas.

"Un Podemos máis aberto e democrático, impulsado desde as bases, será un Podemos máis forte e capacitado para encarar o traballo que temos por diante" que estará centrado en consolidar "o espazo do cambio en Galicia nas municipais do 2019 e prepararnos para gañar ao PP nas autonómicas do 2020". O procedemento das asembleas cidadás locais comeza hoxe mesmo coa apertura do prazo de preinscrición de candidaturas e documentos.

Os candidatos definitivos coñeceranse o día 16 de novembro, e a campaña electoral interna celebrarase desde ese mesmo día ata o día 25.

As votacións, mediante sistema telemático, rexistraranse entre o martes 20 e o domingo 25 de novembro.

Finalmente os candidatos coñeceranse o 27 de novembro. 

Comentarios