Podemos erixe Galicia En Común en "ferramenta" para construír un novo espazo rupturista

Gómez-Reino acusa Luís Villares de facer "moito dano" ao espazo rupturista 

Antón Gómez Reino. AEP
photo_camera O líder de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. AEP

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, defendeu que Galicia En Común, a denominación que engloba os deputados no Congreso elixidos por En Común-Unidas Podemos, debe ser a "ferramenta" desde a que se debe construír un novo espazo rupturista, de cara ás eleccións autonómicas galegas de 2020, á marxe de En Marea. Nunha entrevista radiofónica, Gómez-Reino asegura que o obxectivo é "poñer en setembro unha proposta de país" de cara ás eleccións autonómicas. 

"Nós puxemos nas eleccións xerais a ferramenta Galicia En Común —en referencia a En Común, coalición integrada por Podemos, EU e Equo— que foi referendada positivamente pola cidadanía, desde aí temos que volver construír; en setembro hai que pór unha proposta enriba da mesa para mostrar a nosa proposta de país", asegura Gómez-Reino na entrevista á Cadena Ser. Reivindica a partir de aí que nas eleccións xerais, En Común obtivo 250.000 votos en Galicia e, no contexto actual no que percibe a presidencia da Xunta "máis ao alcance que nunca", di que pode ser unha ferramenta útil para dar "unha resposta clara ao que a cidadanía galega" demanda. 

VILLARES. Pero o secretario xeral de Podemos Galicia tamén se mostra moi crítico co líder de En Marea, Luís Villares, ao que reclama que "reflexione" e di que está "a facer moito dano" ao espazo rupturista.

De fondo, sitúase a última discrepancia que deixa o grupo de En Marea no Parlamento galego ao bordo da ruptura. Trátase da designación do senador por designación autonómica. José Manuel Sande, proposta dos críticos con Villares, que recibiu oito votos a favor. A opción dos seus afíns, Mariló Candedo, só tivo un apoio. Con todo, a quen lle corresponderá asinar a proposición de senador, ante a Cámara galega, é precisamente ao portavoz, a Luís Villares. 

Ante esta situación, Gómez-Reino fala de "empecinamento" de Villares por non aceptar unha proposta que contou co "70-80% do apoio do grupo parlamentario", e que está a provocar que se "opaque" o traballo dos deputados no Parlamento galego.
 
"Hai unha minoría do compañeiro Luís Villares que ten que asumir o resultado, a min dóeme e me lacera, o que non pode ser é que se siga opacando o traballo do grupo parlamentario e do conxunto do espazo polas dinámicas de Luís Villares e a xente que o rodea", remarcou. É máis, insta a Villares a abandonar a portavocía do grupo parlamentario, porque é "evidente" que se "hai un portavoz co que a maioría non se sente identificado, o mellor sería dar un paso ao carón". 

En Marea di que Unidas Podemos non está respectando os acordos 
O responsable de Finanzas, Transparencia e Xuventude da Coordinadora de En Marea, Adrián Dios, censurou este domingo que Unidas Podemos "non estea a respectar os acordos polos cales se presentou ás eleccións autonómicas" no que se refire á elección do senador por designación autonómica que o seu grupo parlamentario ten que propoñer. 

Nunha entrevista na Radio Galega, Dios mostrou a súa total disposición a negociar unha persoa de consenso para que sexa a elixida polo grupo de En Marea como senador. Con todo, responsabilizou a Unidas Podemos da situación. "Unidas Podemos é un proxecto político que non está a respectar os acordos polos cales se presentou ás eleccións autonómicas". Neste sentido, engadiu que Sande "é unha proposta unilateral e que non representa ao conxunto do espazo". 

Antón Sánchez
Mentres, o portavoz nacional de Anova e deputado de En Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez, asegurou este domingo que "o normal e responsable" sería chegar a un acordo sobre o senador por designación autonómica que o seu grupo parlamentario ten que propor. 

Comentarios