Ourense contratará a un 'city manager' que cobrará máis que Pedro Sánchez

A figura do coordinador xeral gañará 86.000 euros brutos, máis os trienios, e conta con críticas na oposición
Jácome y Armando Ojea. DO
photo_camera Jácome e Armando Ojea. DO

O pleno do Concello de Ourense aprobou este venres a proposta da Alcaldía de contratar a un city manager que percibirá 86.000 euros anuais, un salario superior ao do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

O punto saíu aprobado cos 14 votos a favor dos grupos que conforman o goberno de coalición —DO e PP— e co rexeitamento en bloque de toda a oposición que ve nesta contratación "unha medida para esquilmar os recursos públicos e contratar aos seus amigos". 

O concelleiro de DO, Armando Ojea, foi o encargado de expor os requisitos que debe cumprir o funcionario que ocupe o posto e que entenden que "xustifica totalmente as retribucións que se propoñen desde Alcaldía". 

Entre elas, terá como responsabilidades desenvolver a superior coordinación e a xefatura administrativa da área da Alcaldía, desenvolvendo traballos fundamentalmente de xestión (como a redacción de pregos ou proxectos, entre outros) e de carácter executivo que redunden no mellor funcionamento do Concello. 

Unha figura cunhas competencias "tan xenéricas como asesorar á Alcaldía no seu ámbito de competencias", segundo manifestou a oposición, que ve "discutibles" as características do posto. 

Neste sentido, o portavoz de Cidadáns, Pepe Araújo, cuestionou "como é posible que tantos edís con dedicación exclusiva e un alcalde tamén con dedición exclusiva non sexan capaces de manexar un concello con maioría absoluta". 

JUSTIFICACIÓN DO CITY MANAGER. Pola súa banda, Jácome fundamentou a contratación do city manager ao afirmar que "o seu soldo vai beneficiar con fartura á cidade de Ourense" e que "grazas á xestión que se vai a facer vaise a producir un aforro obvio". 

Entre as vantaxes de dispor desta figura, o rexedor da cidade de As Burgas destacou que "poderán facer cantidade de cousas de forma autónoma e sen necesidade de auditorías externas que producen centos de miles de euros de gastos". 

Tamén lle pediu ao PSOE que "non critique moito a figura de city manager" porque di "ter coñecementos" de que "unha persoa da alta cúpula do PSOE xa lles trasladou que se vai a presentar para o posto". 

ALUDEN Ao SECRETARIO DA DIPUTACIÓN DE OURENSE. Pola súa banda, o portavoz do BNG, Luís Seara, recordoulles aos grupos de goberno que só lles faltou pór nos requisitos acode nacida en Lugo e con traballo na Deputación", pondo deste xeito sobre a mesa os indicios que aluden a que o secretario da Deputación de Ourense e fillo do expresidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Gosende, pode ser o funcionario elixido para ocupar o cargo de city manager. Pola súa banda, a formación nacionalista tamén puntualizou que "a retribución do city manager será de 86.000 euros máis os trienios, o que dá un total de aproximadamente 90.000 euros" e que o sitúa como "a retribución máis alta do Estado". 

UN GOBERNO CON 27 ASESORES. Durante o debate deste punto da orde do día, tamén foron numerosas as críticas por parte da oposición ao "elevado gasto en materia de persoal" producido pola decisión do goberno do Concello de Ourense de elevar a 27 os asesores copando deste xeito o máximo legal. "Nigún concello galego chega, nin de cerca, aos 23 asesores. Nin tan sequera Vigo e A Coruña que case triplican o número de habitantes de Ourense", criticou o edil socialista, Javier Rei. Neste sentido os socialistas cualificaron de erro "" a contratación do city manager, ao entender que vai consumir os recursos públicos e que incrementa ao redor de 1.5 millóns de euros a factura dos veciños de Ourense ata o ano 2023". 

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, respondeu ás críticas argumentando que "o coordinador xeral que se contratará agora non vén como asesor" e recriminoulle ao PSOE que "se pensa que son moitos os asesores que veñen agora que lle diga ao seu partido a nivel estatal que cambie o máximo permitido por lei". 

JÁCOME APOSTA POLOS ASESORES. O rexedor da cidade defendeuse das críticas ao elevado número de asesores dicindo que "cre no sistema americano". "Nós chegamos co noso staff e cando o pobo decida que non nos necesita ímonos co noso staff para casa", sinalou. Jácome tamén arremeteu duramente contra o PSOE dicindo que "prefire asesores que se irán connosco antes que deixar enchufados, como fixeron os socialistas cando estaban no ano 2008, a 108 funcionarios interinos".

Comentarios