Plantón a Núñez Feijóo da oposición por non dar resposta ao caso Baltar

Deputados de BNG, AGE, PSOE e Grupo Mixto manifestaron o seu descontento coa resposta do mandatario autonómico acerca da denuncia contra o presidente da Deputación de Ourense

Grupo Mixto, AGE e PSdeG, os tres grupos con dereito a formular este mércores no Parlamento pregunta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coincidiron en cuestionar ao mandatario galego pola situación actual do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que foi denunciado por unha muller á que supostamente lle pediu sexo a cambio dunha praza fixa que esta nunca obtivo, segundo a versión achegada pola denunciante. 

Ao tempo que Feijóo respondía a esta consulta, os deputados da oposición abandoaban a sala, ata tal punto que o único que quedou nas bancadas da oposición foi o voceiro parlamentar do PSdeG, José Luis Méndez Romeu. 

En declaracións a Europa Press, os representantes destes catro grupos parlamentarios mostraron a súa "indignación" pola resposta que deu o mandatario autonómico, quen, eludindo as preguntas, comezou asegurando que para el o problema máis importante que ten Galicia é o desemprego. "Pareceume absolutamente indignante a demostración do presidente de que isto non lle importa absolutamente nada. Foi a cousa máis grave que lle escoitei ao presidente en todo este tempo", lamentou Acuña, quen o considerou unha "falta de respecto cara ás mulleres".

Pola súa banda, a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, xulgou que se tratou "un dos plenos máis duros que se viviron na lexislatura". "Vimos o que é Feijóo: un presidente machista", manifestou. "Non lle preocupa a vulneración de dereitos fundamentais, particularmente, os das mortes que está a haber todos os días", salientou. En definitiva, segundo Díaz, para Feijóo "as mulleres non valen para nada".

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, cualificou de "insultante" a resposta do presidente da Xunta porque "está a acusar á oposición de frívola por traer unha pregunta vinculada coa violencia machista". Para Jorquera, Feijóo mostrou que "para el a violencia machista non é un problema importante, polo tanto, está a insultar ás mulleres e está a pór en evidencia que considera irrelevante a violencia machista e que non debe ser obxecto do debate parlamentario". 

A Chelo Martínez, do Grupo Mixto, pareceulle "unha falta de respecto" que se conteste sobre un suposto caso de acoso sexual, de venda de postos públicos a cambio de favores por parte do presidente da Deputación de Ourense, co desemprego "cando nunca quixo falar do desemprego". "Parécenos un insulto para as mulleres, unha mensaxe para a cidadanía de que está permitido abusar e acosar ás mulleres", apuntou. Martínez considérao "un apoio á violencia machista que non se pode consentir".




Comentarios