Pilar Cibrán e Gonzalo Ortiz, novos conselleiros de Novagalicia Banco

O consello de administración de Novacaixagalicia propuxo este xoves aos economistas Pilar Cibrán e Gonzalo Ortiz como novos conselleiros de NCG Banco en substitución de Julio Fernández Gayoso e Mauro Varela.

Gayoso e Varela comunicaran en outubro de 2011 ao órgano de dirección da caixa a súa renuncia a formar parte do consello do banco e á súa continuidade como conselleiros en empresas participadas pola entidade crediticia. Os novos conselleiros da caixa no banco xa foron acordados con NCG, aínda que a súa designación deberá ser ratificada no próximo consello de administración do banco, informou unha nota da entidade.

Licenciado en Económicas e actual director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz era secretario non conselleiro do consello de administración de NCG Banco e permanece como secretario da caixa. Mentres, Pilar Cibrán era vicesecretaria e conselleira da caixa, postos nos que tamén permanece. É doutora en Ciencias Económicas e catedrática de Economía e Contabilidade.

RENUNCIA Á INDEMNIZACIÓN
A decisión dos copresidentes de Novacaixagalicia tamén inclúe, segundo a caixa, "a súa renuncia voluntaria ao cobro de indemnización algunha" pola súa saída do consello do banco e das empresas participadas. Ata agora, Fernández Gayoso era vicepresidente do Banco Galego e da empresa de cable R, así como conselleiro de Aforro Corporación Financeira, Caser, Lico Corporación, Lico-Leasing e Investimentos Estratéxicos de Galicia. Pola súa banda, Mauro Varela, ademais de no banco, era conselleiro en Caser.

O consello de administración da caixa acordou, tamén, a substitución do conselleiro Manuel Añón por José Manuel Carballedo, debido á renuncia do primeiro a seguir formando parte do consello de Novacaixagalicia. Ademais foi aprobado esta tarde o informe de xestión e a liquidación do orzamento de 2011 e o orzamento co que contará a caixa para este ano.

Comentarios