Solicitan nove anos de prisión para cinco acusados de traer droga a Galicia desde Arxentina

Transportaban cocaína oculta en biodiésel. A Fiscalía solicita o pago dunha multa de 3,4 millóns de euros

A Fiscalía pide nove anos de cárcere e multa de 3.489.000 euros para cinco acusados de participar nas xestións necesarias para transportar desde Arxentina a España cocaína oculta en biodiésel.


Segundo o escrito da Fiscalía, os acusados JC.S.G, M.C.T, MA.P.R, M.I.R e R.G.I, dirixíronse á República Arxentina con anterioridade ao mes de xullo de 2013 e estableceron contacto con persoas que contaban cunha organización capaz de adquirir para a súa distribución cocaína en gran cantidades, así como coa capacidade de establecer procedementos químicos para disolver esta sustancia en biodiésel e podela extraer cando resultase preciso.

Así, dous deles adquiriron unha cantidade próxima a 60 quilos de cocaína para o seu posterior traslado a España para a venda polo miúdo.

Con esta finalidade, continúa o escrito, revestiron a adquisición mediante un contrato de compravenda de distintos bidóns de gran tamaño de biodiésel, un dos cales portaría disolta a cocaína.

Os colectores trasladáronse ao porto desde Buenos Aires a Anveres por vía marítima, onde chegaron o 16 de outubro de 2013, e desde alí ao porto de Vigo, ao que se dirixiron para xestionar os pagos debidos á entidade consignataria. 

Comentarios