Piden a dimisión do líder de Novas Xeracións por negar o golpe de estado

O líder da organización xuvenil do PPdeG rexeitou referirse así á acción militar de 1936 e limitouse a constatar que houbo unha guerra civil, polo que as Xuventudes Socialistas esixen a súa renuncia
Diego Gago, presidente de Novas Xeracións
photo_camera Diego Gago, presidente de Novas Xeracións

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) pediron este xoves a dimisión "fulminante" do líder da organización xuvenil do PPdeG por considerar ofensivas unhas declaracións realizadas ante as cámaras nas que Diego Gago negou o golpe de estado de xullo de 1936 en España. O máximo responsable de Novas Xeracións rexeitou referirse así á acción militar encabezada por Francisco Franco e limitouse a constatar que houbo unha guerra civil.

"Houbo unha república, unha serie de confrontacións sociais que levaron a unha guerra civil", comentou o presidente da entidade xuvenil do PPdeG, para a continuación sinalar que nunha contenda deste tipo "uns gañan e outros perden". Con todo, considerou que "quen gañou propiciou un período nefasto" para a historia de España, aínda que opinou que, salvo determinados casos "inxustos", o Estado non debería financiar a exhumación de vítimas da represión da ditadura enterradas en fosas comúns.


Gago defendeu que, salvo casos "inxustos", o Estado non debería financiar a exhumación de vítimas da ditadura enterradas en fosas comúns


Ante esas afirmacións, o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, reclamou este xoves nunha nota a dimisión do seu homólogo popular por "non condenar o golpe de estado do fascista Franco". A organización xuvenil do PSdeG entende que os representantes de Novas Xeracións "deberían estudar un pouquiño máis de historia antes de ir insultar a tantas persoas" cuxos familiares pereceron pola represión franquista e considerou responsable ao dirixentes do Estado por non pór os medios para "enterrar dignamente" a esas vítimas.

Informes elaborados en 2014 pola Onu subliñan que en España houbo graves e masivas violacións aos dereitos humanos durante a ditadura, incluída tortura, desaparicións, execucións e roubos de bebés, mentres que en Arxentina hai aberta unha demanda xudicial por 113.000 desaparecidos e máis de 30.000 nenos secuestrados e privados da súa identidade durante ese período en territorio español. O historiador británico Paul Preston calcula que a ditadura franquista foi responsable de centos de miles de persoas torturadas e internadas en campos de concentración e de mortos en fosas comúns aínda sen exhumar.

Comentarios