Os achegados do coruñés asasinado en Filipinas: "Foi por negarse a subornar ou por envexa"

Diego Bello Lafuente, de 32 anos, foi abatido tras "disparar coa súa pistola" ás autoridades locais cando "traficaba con cocaína"  ► Esa é a versión oficial, que rexeita a contorna do mozo
Diego Bello, practicando surf. EP
photo_camera Diego Belo, practicando surf. EP

Unha chamada no medio da noite deste mércores deixou esnaquizada unha familia na Coruña: era un empregado da embaixada española en Filipinas para informar do falecemento de Diego Bello Lafuente, un mozo que dous anos atrás deixara Galicia para establecerse no país asiático movido pola súa gran paixón, o surf. Alí, segundo conta a súa contorna, era "feliz" e chegou a levantar varios negocios ata que na mañá deste mércores —de madrugada en España— morreu tiroteado pola Policía nunha redada antidroga porque, como informaron posteriormente as autoridades locais, estaba considerado "o número un no mundo do narcotráfico na illa de Siargao", onde este coruñés de 32 anos residía xunto á súa noiva, filipina, e un nutrido grupo de españois que recela da versión oficial e clama xustiza.

A información que proporciona o Goberno do país tagalo é concisa: no medio da cruzada antidroga do polémico presidente Rodrigo Duterte, a Philippine Drug Enforcement Agency iniciou unha investigación para dilucidar o destinatario dun alixo de 40 fardos de cocaína atopados nas costas do arquipélago, cunhas investigacións que levaron aos axentes ata Bello Lafuente, segundo indica a dixital local Minda News. Estableceron entón un dispositivo de vixilancia sobre o mozo, ás ordes do capitán Vicente Panuelos, quen relata ao citado diario o fatal desenlace: "Detectamos como [Diego] intercambiaba diñeiro e cocaína, aproximámonos a el e sacou a súa pistola do calibre 45. Empezou a dispararnos e defendémonos".

A secuencia, con todo, soa a ciencia ficción para os achegados do mozo galego. Para empezar non se cren "que un mozo como Diego, que nunca andou en problemas e ao que lle ían ben as cousas en Filipinas, con noiva e catro negocios [un aloxamento para turistas, un restaurante, unha tenda de tatuaxes e unha marca de roupa surfera] andase con droga e, moito menos, cunha pistola encima". E, aínda asumindo a tese das autoridades filipinas, pregúntanse por que "non apareceron por ningún sitio nin hai fotos da pistola, da droga ou o diñeiro [o atestado reflexa que levaba 25 gramos de cocaína encima e 600 dólares en billetes marcados]".

Diego chegou a xogar nas categorías inferiores do Dépor e os seus amigos descartan a súa relación cos estupefacientes: "Sempre foi moi san"

NON HABERÁ AUTOPSIA. Tampouco hai probas, máis aló da palabra dos policías, de que Diego desenfundase unha pistola contra eles. "Se disparou, tería que haber restos de pólvora nas súas mans e iso só se determina coa autopsia. O problema é que non a vai haber", afirma Sergi Fabregat, amigo persoal do falecido. E é que, segundo as leis do país asiático, se alguén ataca á Policía considérase que a morte foi en lexítima "defensa" e non se investiga.

Neste sentido, Nacións Unidas denunciou o clima de impunidade da campaña antidroga do presidente Duterte, na que "morreron unhas 30.000 persoas, a maioría en execucións extraxudiciais da Policía".

A EMBAIXADA "TRABALLA". Mentres, o consulado español está "en contacto continuo" coas autoridades locais para solicitar toda a información posible, que é transmitida á súa vez á familia. Transcendeu o compromiso de que en "5 ou 6 días o corpo de Diego estará en España", desvelou Sergi Fabregat, que este mércores non descartaba que os pais do falecido sacasen forzas para viaxar a Filipinas para seguir de cerca os trámites de repatriación do cadáver.

"Foi por negarse a subornar ou por envexa; por drogas é imposible"
Os familiares e amigos de Diego pasan as horas barruntando que puido pasar para que a vida do mozo acabase dunha forma tan cruel no lugar onde el dicía atopar a felicidade. As hipóteses non deixan de sucederse e, entre elas, "a negativa a subornar" aos axentes da lei ou a "envexa" polos boiantes negocios e o estilo de vida do galego son as que máis ocupan os seus pensamentos.

"É un abuso policial en toda regra por non ceder ás súas extorsións. En Filipinas non é raro que se es estranxeiro e tes diñeiro te paren con calquera escusa para pedirche 20, 40 euros, os que sexan...", explica Sergi Fabregat, un empresario catalán que se fixo íntimo amigo de Diego cando ambos conviviron en Australia, hai uns tres anos.

"Falei hai unha semana con el, para felicitarnos o ano, e noteino como sempre. É pura luz, un tío que impón, pero polo bo. É guapo, louro e sempre ten un sorriso, imposible que te esquezas del", describe este home, coa voz crebada.

Ao fío do anterior, tampouco descarta que a súa forma de ser, aínda que sexa vista en clave positiva, puidese levantar receos entre "algúns aldeáns". "Era un mozo que gozaba a lume de biqueira da vida: surfeaba, pasábao ben, coñecía a moitas mozas..."

Óliver, outro achegado de Diego e apaixonado do surf como el, tamén contempla que o seu "asasinato" se debese á "envexa" dos locais, aínda que neste caso máis polas súas aspiracións mercantilistas: "Os seus negocios ían ben e algúns sabían que nuns anos media illa de Siargao sería súa e iso non gustaba".

DEPORTISTA. Sexa como for, no que coinciden todos quen se cruzaron na vida do mozo coruñés é en describilo como "un deportista nato" e que levaba unha "vida moi sa", polo que "co último" co que o vincularían sería con temas "de drogas", testemuñan nas redes sociais. Antes do surf, Diego chegou a xogar nas categorías inferiores do Deportivo, o club da súa cidade, aínda que residiu uns meses nun piso en Arteixo.

Comentarios