Piden 13 anos para un home que se espiu en presenza de menores e realizoulles tocamentos

A Fiscalía considera que o acusado se atopaba de visita no domicilio familiar das vítimas, en Padrón, "con ánimo libidinoso e intención de menoscabar a intimidade sexual"

A Fiscalía pide 13 anos de cárcere para un home acusado de espirse en presenza de dous menores, en cuxo domicilio se atopaba, e facerlles tocamentos.

Por iso será xulgado este xoves, 9 de marzo, na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago a partir das 9,30 horas por delitos de exhibicionismo e abusos sexuais.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal o acusado, maior de idade e sen antecedentes penais, entre as 19,00 e as 24,00 horas do 16 de xullo de 2015, quen se atopaba de visita no domicilio familiar dos menores, en Padrón, "con ánimo libidinoso e intención de menoscabar a intimidade sexual" cando se atopaba a soas co fillo menor na súa habitación "espiuse completamente en presenza do mesmo".

Acto seguido, segundo relata o fiscal, o acusado acompañou ao menor ao cuarto de baño e, tras pechar a porta con chave, "quitouse outra vez a roupa, pediulle ao menor que tamén se espise e que lle tocase os seus xenitais e tocoulle ao menor diversas partes do seu corpo".

O 21 de xullo de 2016, entre as 18,30 e as 20,30 horas, o acusado, que fora de novo ao domicilio "con idéntico ánimo e no interior do cuarto de baño, espiuse en presenza da outra filla menor e pediulle que se quitase a roupa e tocou á menor pola zona do peito".

Por iso, a Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito de exhibicionismo polo que pide a pena dun ano de prisión e de dúas de abuso sexual polos que solicita seis anos por cada un. 

Comentarios