Dúas persoas perden a vida e outras dúas resultan feridas tras caer un coche ao mar en Muros

O accidente tivo lugar ao redor das 4.45 horas nas proximidades da lonxa do porto
Coche rescatado en Muros.EP
photo_camera Servizos de urxencia na zona do suceso. EP

Dúas persoas faleceron, esta madrugada, e outras dúas tiveron que ser trasladadas despois de que o coche dentro no que se atopaban se precipitase ao mar, en Muros.

O 112 Galicia recibiu a alerta, ás 04.45 horas, dun particular que informaba da caída do vehículo á auga, nas proximidades da lonxa do porto. Ademais, afirmaba que no interior había catro ocupantes pero que dous deles xa estaban fóra do turismo.

Nese mesmo momento, desde o CIAE-112 informouse os servizos médicos, aos Bombeiros de Cee, ao GES da localidade e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Xunto a estes, tamén se lle facilitaron os datos a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Minutos despois, xa no lugar dos feitos, os membros do GES de Muros confirmáronlle ao 112 que, coa colaboración de persoas particulares do lugar, lograron sacar aos dous ocupantes que permanecían dentro do coche afundido. A pesar de ser atendidos polo persoal sanitario no punto, nada se puido facer por salvarlles a vida.

Os outros dous ocupantes, que lograron saír por si mesmos do turismo, foron trasladados polo 061 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.