Lucía Serén mostra que "non hai límites" para as persoas con Down

A lucense dá voz ao personaxe principal da película premiada nos Goya Valentina
Lucía Serén, xunto a Valentina, na preestrea na Coruña. EP
photo_camera Lucía Serén, junto al personaje al que da voz. EP

Lucía Serén e Pepa Lockhart demostraron co seu traballo na película Valentina, premiada co galardón a mellor filme de animación nos Goya, que non existen os "límites" para o colectivo de persoas con síndrome de Down.

A lucense e a santiaguesa, que forman parte da Federación Down Galicia, son a voz de Valentina na versión en galego e castelán, respectivamente, da película, que conta a historia dunha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista.

Este martes, a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as instalacións de Down Galicia en Santiago para trasladar en persoa as felicitacións en nome da Xunta a Pepa Lockhart e a Lucía Serén, ausente no acto por atoparse en Lugo.

Alí, a responsable do Goberno galego mostrou o seu agradecemento a Pepa e a Lucía por darlle "voz a Valentina pero, sobre todo, por darlle voz a todas as persoas con discapacidade".

Pepa Lockhart, xunto ao presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, e a conselleira de Política Social, Fabiola García. EUROPA PRESS
Pepa Lockhart, xunto ao presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, e a conselleira de Política Social, Fabiola García. EUROPA PRESS

 

García resaltou que a película constitúe "unha oda á plena inclusión" e supón unha gran ferramenta para avanzar na sensibilización e a concienciación dos máis pequenos sobre as persoas con discapacidade.

Así, mostrou a disposición da Administración autonómica a continuar prestando apoio ás entidades que, como Down Galicia, traballan a diario para avanzar cara á plena inclusión.

Pola súa banda, o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, agradeceu a implicación da Xunta coa entidade, á vez que subliñou que a participación de Lucía e Pepa demostran que "non hai límites nin fronteiras" para as persoas, independentemente das súas características.

"As barreiras non están nas persoas, están na sociedade", remarcou Prieto, quen apelou a continuar traballando para "borrar" esas fronteiras para que, no futuro, non sexa necesario "celebrar tantos días de...", o que significará que se avanzou en normalización. 

Comentarios