Paula Prado sae ''satisfeita'' dos xulgados tras a súa declaración

A deputada do PPdeG Paula Prado abandonou a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "satisfeita", tras contestar a todas as preguntas que lle fixeron, e convencida de que non fixo nada "que non se axuste a dereito" durante a súa etapa de concelleira en Santiago de Compostela. "Demostrei que todas as actuacións foron conforme a dereito e á lei", dixo á saída tras unha declaración que durou algo menos dun par de horas, segundo comentou, aínda que pasou cinco horas na sede xudicial xa que antes houbo outras testificais.

A sala do Civil e Penal do alto tribunal galego decidiu investigar a Paula Prado tras declararse competente sobre tres dos seis feitos que constan na exposición razoada remitida polo xulgado número un de Lugo, á fronte do cal está a maxistrada Pilar de Lara. Prado respondeu sobre a presunta comisión dos delitos de fraude e tráfico de influencias na operación Pokemon, que investiga unha trama corrupta.

"Por fin puiden dar as explicacións que durante tanto tempo quería dar, aclarei todas aquelas cuestións sobre as que podía terse xerado algunha dúbida da miña etapa de concelleira e agora confío en que haxa unha resolución rápida", indicou a deputada do PP galego que durante todo o proceso alegara indefensión.

Prado foi portavoz da formación que dirixe Alberto Núñez Feijóo ata o pasado mes de xuño, momento no que deixou este cargo pola súa aparición no sumario da operación Pokemon, instruída desde Lugo por non verse en condicións de trasladar á opinión pública as mensaxes do partido. Tras declarar en Lugo como testemuña e varios meses de controversia sobre a súa situación procesual, a xuíza Pilar de Lara decidiu finalmente remitir unha exposición motivada ao Tribunal Superior, debido á condición de aforada de Prado por ser deputada autonómica.

O alto tribunal decidiu investigar tres dos seis supostos remitidos por De Lara e hoxe Prado acudiu a declarar en calidade de imputada acompañada polo seu representante legal. Prado indicou á saída da sede do tribunal superior que non vai entrar no "cruzamento de disquisicións" entre o alto tribunal e o xulgado de instancia de Lugo que leva o caso, aínda que dixo que "sobre a instrución da xuíza de Lugo si que podería entrar", pero "non é o momento".

Respecto dos seguintes pasos e ao que espera que suceda indicou que hai que agardar "a ver se se piden máis probas ou se o tribunal ve suficientes" as súas declaracións e explicacións, xunto coas dadas polas testemuñas. Reiterou que está "satisfeita" de poder dar a súa versión dos feitos, xa que "facía tempo que o quería" e insistiu en que a partir de agora hai que deixar actuar á xustiza e que o tribunal tome as consideracións oportunas.

O alto tribunal considerouse competente para investigar a Prado e chamala a declarar sobre a autorización do pago dunha factura municipal cun suposto sobrecusto de 3.000 euros, pola influencia na contratación de persoas en empresas concesionarias de obras e servizos e pola intervención na resolución de dous expedientes dun local de lecer.

Os maxistrados do alto tribunal sinalaron no seu auto para investigar á deputada que estes feitos "puidesen incardinarse, polo menos de forma indiciaria, nos delitos de fraude á Administración pública e tráfico de influencias", cando a deputada era concelleira no Concello de Santiago de Compostela.

Paula Prado dimitiu o pasado 4 de xuño da súa responsabilidade como portavoz do PPdeG, cargo que actualmente ocupa Miguel Tellado, ao "non estar en disposición" de trasladar á sociedade as mensaxes da organización que lidera Alberto Núñez Feijóo. A Operación Pokemon púxose en marcha co fin de investigar a existencia dunha suposta trama para obter contratos e concesións públicas a base de subornos en distintas administracións galegas.

Comentarios