En liberdade os acusados da morte do párroco de Vilanova dos Infantes

Terán que comparecer cada 15 días ante o xulgado. Os detidos non chegaron a prestar declaración, aínda que non transcenderon máis detalles xa que a investigación segue aberta e baixo segredo

A titular do Xulgado de Celanova (Ourense) deixou en liberdade os dous acusados detidos esta fin de semana pola súa vinculación coa morte do párroco de Vilanova dos Infantes, Adolfo Enríquez.

Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) os dous sospeitosos polo crime quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer cada 15 días nos xulgados.

Ao parecer, os detidos, emparentados entre si e de nacionalidade croata, non chegaron a prestar declaración, aínda que non transcenderon máis detalles xa que a investigación segue aberta e está declarado o segredo de sumario.

Os dous detidos pasaran a disposición xudicial á primeira hora da tarde deste domingo.

Ao chegar á sede xudicial algúns veciños, consternados polo crime que sementou o pánico na pequena localidade ourensá, increparon aos arrestados á súa chegada aos xulgados ao berro de "asasinos".

O caso abriuse en marzo do ano pasado cando foi atopado o corpo sen vida do sacerdote Adolfo Enríquez con signos de violencia.

A conmoción na poboación foi aínda maior cando se coñeceu a desaparición da venerada imaxe da Virxe do Cristal.

O cadáver do párroco foi atopado por un irmán seu e un veciño ao entrar na casa reitoral logo de dous días sen ter noticias del.

Comentarios