Os partidos de Galicia en Común abordan por separado os resultados do 12-X

Anova reunirase este sábado, mentres que Podemos esperará a setembro
Gómez-Reino. EFE
photo_camera Gómez-Reino. EFE

Os partidos que integraron a coalición Galicia en Común-Anova Mareas abriron un período de reflexión convocando ás súas respectivas direccións esta mesma semana, aínda que Podemos fixa para o mes de setembro o momento para tomar decisións tras o fracaso das eleccións do 12 de xullo que os deixou sen representación no Parlamento autonómico.

A Coordinadora Nacional de Anova da que ademais do líder da formación Antón Gómez-Reino, tamén forma parte Martiño Noriega –que esta semana abandonou a súa acta como edil no Pazo de Raxoi– reunirase este sábado para facer unha análise dos resultados electorais.

De forma paralela, a coordinadora nacional de  Esquerda Unida tamén celebrará un encontro este sábado en Santiago para analizar a situación na que queda a formación logo de perder practicamente a totalidade da súa representación institucional.

No pasado período de sesións Esquerda Unida contaba con Yolanda Díaz como deputada no Congreso e con Eva Solla como vicepresidenta do Parlamento autonómico.

Agora, perdeu a representación en ambas as cámaras posto que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, abandonou a formación o pasado outono, por mor de varios desencontros coa dirección federal do seu partido, á fronte da cal está o agora ministro de Consumo, Alberto Garzón, mentres que Eva Solla non conseguiu revalidar a súa acta como deputada nas eleccións do pasado domingo.

Prevese que á reunión en Compostela acuda o secretario de organización federal de Esquerda Unida, Ismael González.

Podemos Galicia tamén reuniu esta semana ao Consello Cidadán Autonómico (CCA) e prevé facelo de novo antes de que finalice este mes aínda que avogan por darse unha marxe ampla para repousar os resultados e marcar para o mes de setembro a data na que celebrar unha conferencia política coa que decidir o rumbo que debe tomar o partido tras o desastre electoral.

A pesar de que na reunión que a dirección galega de Podemos Galicia o sector crítico pediu que os candidatos que concorrían nas listas ás eleccións autonómicas –Antón Gómez-Reino, Luca Chao e Marcos Cal– abandonasen os seus cargos, polo momento non se prevé que dean este paso e é posible que incluso algún deles intente pilotar a reconfiguración do partido morado na comunidade.

Polo momento, o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de  Galicia en Común no Congreso, tampouco abandonou a súa acta na Cámara Baixa e incluso participou no pleno celebrado o mércores no Congreso despois que de que esta mesma semana –na que non compareceu ante os medios de comunicación– colgase unha mensaxe nas súas redes sociais nas que remarcaba que a confluencia continuará o seu traballo en todas aquelas institucións nas que aínda ten representación.

Comentarios