viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Sanidade anuncia a reapertura do paridoiro de Verín para o 3 de febreiro

Acto de protesta en Verín. EFE
Acto de protesta en Verín. EFE

O paritorio do Hospital Comarcal de Verín renovará a súa actividade o luns 3 de febreiro, nun centro que contará, "por primeira vez desde 2006, con servizo de pediatría". Anunciouno este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento de Galicia. 

O titular de Sanidade deu a data na súa resposta a unha interpelación da deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla, quen enmarcou o peche do paridoiro no pasado mes de decembro na concepción do Goberno galego de que "todo o que sexan servizos cunha reducida frecuentación, como a atención primaria do rural, é un gasto". 

"Primeiro falaron da falta de pericia dos profesionais, logo metéronse coas familias e, despois de que 20.000 persoas saíron á rúa, deron marcha atrás sacándose da manga a figura do consentimento informado reforzado", dixo.

Enfronte, Vázquez Almuiña subliñou que a "escaseza de pediatras" é un "problema común en toda España" que motiva a existencia de "dificultade" na contratación de substitutos, xa que "non hai profesionais en paro nesta especialidade". Solla, pola súa banda, vinculou a "escaseza de persoal" cunha "falta de planificación" do Executivo galego durante a última década.

Ademais, a deputada criticou a intención de Sanidade de implementar un "consentimento reforzado" para partos en Verín coma se se tratase dunha nova especie de pin "parental". Nese punto, o conselleiro replicou destacando a importancia de que, logo de dous meses nos que o paridoiro permaneceu pechado, "os pacientes conten coa maior información posible". "O que queda é abrir o paritorio o 3 de febreiro con todas a seguridade e toda a información que necesiten os pais dos menores", indicou. 

Sanidade anuncia a reapertura do paridoiro de Verín para o 3 de...
comentarios