O pai de Diana Quer pide "respecto" aos medios e que non se utilicen imaxes do cadáver da súa filla

"Como persoa e pai pregúntome unha vez máis se é necesario difundir esa imaxe para ilustrar a noticia", explica Juan Carlos Quer

Juan Carlos Quer. EFE
photo_camera Juan Carlos Quer. EFE

O pai de Diana Quer pediu este xoves "respecto" aos medios de comunicación no tratamento das informacións sobre o crime da súa filla. Juan Carlos Quer, a través dunha carta, censura que por mor das noticias sobre a revisión da autopsia do corpo da moza madrileña se utilizaron fotografías do cadáver da súa filla nunha padiola. 

Esta é a carta íntegra: "Con motivo da noticia difundida nestes días en relación ao informe de ampliación e supervisión da autopsia de Diana Quer volvo observar en determinados medios de comunicación, con enorme dor e estupor, a fotografía do cadáver da miña filla nunha padiola, tapada cunha saba, ás portas do instituto anatómico forense ao que foi trasladado o seu corpo.

Como persoa e pai pregúntome unha vez máis se é necesario difundir esa imaxe para ilustrar a noticia. Pregúntome tamén se os directores responsables dos medios que difunden esta imaxe publicaríana, se da súa filla se tratase. Pregúntome finalmente se son conscientes estes medios da dor que xera esta fotografía, absolutamente innecesaria, na súa familia.

Consideran determinados medios de comunicación que tamén as vítimas, a miña filla Diana neste caso, ten polo menos o dereito a que se preserve a súa imaxe e intimidade, a pesar de perder a vida a mans dun depredador sexual que posteriormente a asasinou?

Determinados responsables de medios de comunicación deberían ter un mínimo de ética, de humanidade e de profesionalidade. Gañar audiencia ou lectores deste xeito cualifica ao medio de comunicación que difunde este tipo de imaxes, tamén ás persoas que os dirixen.

Grazas ao resto de medios de comunicación alleos a este modo de proceder polo seu respecto e sensibilidade. Juan Carlos Quer".