Unha tartaruga xigante das Seychelles, que ten 82 anos e pesa máis de 120 quilos; un crocodilo australiano, unha das especies máis perigosas do mundo; un aligator americano ou serpes de ata seis metros son algúns dos máis de 150 réptiles exóticos que os visitantes da Feira Internacional Semana Verde poderán ver ata o domingo.
E é que esta colección itinerante, que recibe o nome de A fauna dos réptiles, repite por segundo ano consecutivo carpa en Silleda, despois de que a organización da feira solicitase a Pierre Cujeon, director da exposición, a súa presenza na Semana Verde.
Con todo, este ano Cujeon quixo ir máis aló e dar a coñecer aos antepasados destes curiosos réptiles: os dinosauros. Así, nun espazo de 400 metros cadrados, a mostra exhibe doce réplicas destes animais. "Están feitas de plástico de resina a tamaño real" e hainas de varias especies, entre as que se atopan o Tiranosaurio Rex ou o Velociraptor.
O director da mostra conta que "moita xente entra cun pouco de medo porque non sabe o que se vai a atopar, pero sae moi contenta, xa que aquí hai especies que non se poden ver todos os días e aprenden moitas cousas sobre os réptiles". E é que cada un destes animais exóticos ten un cartel explicativo que informa sobre os seus costumes, a súa alimentación, onde viven ou a súa localización xeográfica. Ademais, Cujeon asegura que todos estes animais proceden de Europa, pero son criados en catividade.
Así mesmo, e por seguridade dos visitantes, os animais están protexidos con cristal de tripla capa que nunca se poden romper", e para o seu transporte contan con once camións, o que supón "unha loxística moi importante", engade. Ademais, os animais aliméntanse cando a carpa xa está pechada.
As tartarugas de terra comen case todos os días, pero "un ou dous á semana deixámolas sen comer para que dixiran ben", informa Cujeon. "Só estes animais consomen 80 ou 90 quilos de froita diariamente". Os crocodilos e os varanos aliméntanse de carne e as serpes de ratos; mentres que os réptiles máis pequenos, como os camaleóns, comen insectos, "lagostas, saltamontes, cascudas ou grilos", asegura o director da mostra.
Cada especie ten a súa propia alimentación, que levan a machada, pero non o fan diante da xente, "só alimentamos aos réptiles durante as visitas cando estamos seguros de que non pasará nada cando haxa público", como os lagartos ou os camaleóns, "que non son perigosos". Ás tartarugas, por exemplo, danlles para comer á primeira hora da mañá, mentres que "ás serpes e demais alimentámolas cando estamos pechados".
A comida dos máis de 150 réptiles supón un gasto para a empresa de preto de 40.000 euros ao mes. A exposición Fauna dos Réptiles está pensada para o goce de toda a familia, desde os máis pequenos aos máis veteranos da casa. A entrada custa seis euros, e os nenos e nenas menores de tres anos poderán gozar desta exposición de xeito gratuíto.
NORMATIVA. Pierre Coujeon conta que A fauna dos réptiles leva a todos estes animais exóticos por toda europa. De feito, non é a segunda vez que están en Galicia, pois xa visitaron outros lugares como A Coruña, Ourense ou Lugo.
Con todo, o director da exposición di que "temos problemas para entrar nalgúns concellos, pois a normativa que prohibe os circos con animais incúmbenos tamén a nós, aínda que non temos nada que ver".
Os réptiles 'invaden' a Semana Verde
Pierre Cujeon exhibe en Silleda unha colección de máis de 150 animais exóticos e réplicas de dinosauros ► Entre as especies máis rechamantes están a tartaruga xigante das Seychelles; o crocodilo australiano, un dos animais máis perigosos do mundo, ou o aligator americano