Os gandeiros estenden o seu pulso ata a capital de Galicia, que tamén pretenden bloquear ata o xoves

A Subdelegación do Goberno baixa a 800 os vehículos agrarios que participaron na protesta para reclamar un prezo digno para os produtores de leite. Os participantes poñen en marcha un calendario de mobilizacións, co peche de avenidas ou o cerco á sede da Xunta

Uns 4.000 tractores, segundo os cálculos da organización, e 800, segundo a Subdelegación do Goberno, percorreron as rúas compostelás nunha protesta para reclamar un prezo digno para os produtores. A última hora da noite, os concentrados acordaron manter a mobilización polo menos ata o xoves. É a mesma decisión que adoptaron o domingo os gandeiros que están mobilizados en Lugo dende o día 3. Ese día, a ministra de Agricultura prevé reunirse co sector.


O inicio da marcha atrasouse varias horas debido a que a maioría dos tractores entraron en Santiago máis tarde do previsto. Os gandeiros chegaron desde comarcas lácteas como Negreira, Ordes, Silleda, Lalín, Rodeiro, Frades ou Santa Corda.

Os tractores rodearon a cidade e tras máis de cinco horas de marcha paráronse nas avenidas de Romero Donallo e de Lugo, unha das principais vías de circulación da cidade y que permanece cortada nos seus catro carrís desde as sete da tarde.

Esta circunstancia provocou numerosos problemas na capital galega, xa que varias liñas de autobuses desviaron as súas rutas e anularon paradas, e moitos condutores non puideron transitar por algunha das arterias principais de circulación da cidade.

Neste punto, unha asemblea formada por uns 500 gandeiros decidiu a última hora deixar ata o xoves próximo os tractores na Avenida de Lugo. Segundo indicaron participantes na marcha a Efe, negociarán co Concello deixar libre un dos carrís para casos de emerxencia, ambulancias e similares.

A
demais, tamén acordaron intentar cercar con outros vehículos agrarios que están noutros puntos de Santiago -principalmente na explanada de Salgueiriños, ao norte da cidade- o complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, así como tres áreas comerciais nas que hai empresas de distribución láctea.

Diante dos centros de distribución teñen previsto facer este martes asembleas informativas para expor aos posibles clientes as demandas do sector, que pasan principalmente por subir o prezo que reciben polo leite orixe, xa que están producindo por debaixo do custe, e por que se lles garanta a recollida do seu produto.

Tamén acordaron pedir unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.



Os participantes nesta protesta súmanse, dentro do calendario de mobilizacións do sector, aos que permanecen en Lugo desde o pasado xoves na contorna da Muralla, o mesmo día ata o que, en principio, están convocados os de Compostela, cando se celebre a reunión da Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, co sector.


Fontes sindicais apuntaron que, no caso de que non se logre unha solución efectiva tras esa reunión, as mobilizacións serán indefinidas e estudiarán convocar unha folga de entregas.

Os representantes dos sindicatos agrarios maioritarios en Galicia -Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego e Fruga- denunciaron en declaracións aos informadores a situación "límite" que vive o sector lácteo e demandaron un aumento de prezos para os gandeiros e a implicación das administracións.

O secretario xeral de UU AA, Roberto García, reclamou a subida do prezo de intervención, o que permitiría sacar do mercado importantes cantidades de leite, que están a presionar os prezos á baixa.

Francisco Bello, responsable de Asaja-Xóvenes Agricultores, considerou fundamental que, dunha vez por todas, se consiga a recuperación do prezo do leite, aínda que valorou a promesa da ministra de recibir axudas en outubro, que poderían dar liquidez a explotacións que o están pasando "tremendamente mal, algúns catro meses sen cobrar".

Tanto un como outro, subliñaron a importancia de que os acordos a que se chegue co resto dos eslabóns da cadea sexan de obrigado cumprimento e garantido pola administración.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Villalba, cualificou de "día histórico" para o sector esta xornada e reclamou apoio da cidadanía para os gandeiros, que expresan un clamor porque deles dependen miles de familias "que se atopen nunha situación desesperada e sen saída".

Pola súa banda, Elías Somoza, de Fruga, asegurou que os gandeiros estarán na rúa "o tempo que sexa necesario" e demandou a intervención do presidente da Xunta, "porque a situación é moi complicada e non hai tempo para quedar quedos".

APOIO DA XUNTA. O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu este luns o seu apoio para que as demandas do sector sexan escoitadas no resto de España e en Bruxelas.

Segundo indica o Executivo autonómico nun comunicado, Núñez Feijóo díxolle ao sector que a Xunta "estivo, está e estará" á beira do sector lácteo, xa que se trata dunha área "estratéxica" para a economía de Galicia, polo que se puxo a disposición do sector "para reforzar, na medida das súas posibilidades, a postura galega nas negociacións comunitarias".

PRESENZA DA OPOSICIÓN. Pola contra, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro considerou precisa unha intervención política clara, como se está facendo noutros territorios e pediu a Núñez Feijóo que non se esconda e cumpra cos seus deberes.

Tamén o deputado de Age Antón Sánchez pediu medidas aos gobernos, "pero non no BOE e o DOG, senón na realidade", e o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que reclamou un compromiso firme por parte da Xunta.

As protestas continuarán este martes diante de dous centros comerciais da capital galega, ante os que os gandeiros farán unha repartición gratuíta de leite. 


Comentarios