Os investigadores do asasinato do cura de Vilanova non descartan que haxa máis detencións

O subdelegado do Goberno en Ourense asegura que é "moi difícil" que os sospeitosos postos a liberdade o domingo "escapen"
Los detenidos por la muerte violenta del sacerdote Adolfo Enríquez, párroco de Vilanova dos Infantes, a su llegada al Juzgado de
photo_camera Los detenidos por la muerte violenta del sacerdote Adolfo Enríquez, párroco de Vilanova dos Infantes, a su llegada al Juzgado de

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, asegurou este luns que os investigadores proseguen as súas pescudas sobre o asasinato do cura de Vilanova dos Infantes tras a posta en liberdade con cargos o domingo dos dous sospeitosos e afirmou que "podería haber detencións nos próximos días".

En declaracións aos medios, Castro asegurou que os dous sospeitosos en liberdade "están identificados e controlados", polo que é "moi difícil que escapen", tras o que recordou que ambos teñen a obrigación de presentarse ante os xulgados os días 1 e 15 de cada mes, na súa condición de investigados.

Para o subdelegado, unha fuga demostraría que "teñen algunha preocupación" e suporía unha "contradición" ao comportamento de "tranquilidade aparente" que ata o momento demostraron ante o equipo de investigación.

Roberto Castro sinalou que "o proceso de investigación segue" e pediu aos veciños e familiares do cura asasinado "un pouco máis de paciencia" para permitir aos investigadores pechar as distintas vías que están abertas ata o momento.

Preguntado sobre o paradoiro da imaxe da Virxe do Cristal, desaparecida desde o crime, o subdelegado sinalou que non se produciu ningunha novidade respecto diso e que a imaxe segue sen aparecer. Castro recordou que se trata dunha imaxe moi pequena e que, por este motivo, é fácil que poida pasar desapercibida aos investigadores se está escondida ou extraviada.

Comentarios