viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Os orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 522 millóns de beneficios fiscais

Santalices y Corgos. EFE
Santalices y Corgos. EFE
Sanidade, entre as catro consellerías que menos crecen nos orzamentos de 2022, xunto a Infraestruturas e Mar 

A Consellería Sanidade, cun incremento do 6,2%, é o cuarto departamento autonómico que menos crece nos orzamentos de 2022, logo de Facenda e Administración Pública (+2,1%), Mar (+3,5%) e Infraestruturas e Mobilidade (+3,8%). O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou este mércores no Parlamento e presentado máis en detalle ante os medios de comunicación unhas contas que ascenden a 11.627 millóns de euros o ano que vén. 

A cifra é un 0,55% superior á do orzamento actual (11.563 millóns), un 6,9% superior unha vez descontados 685 millóns extraordinarios procedentes dos fondos para facer fronte á pandemia do covid. Ao tratarse de fondos non consolidables —que non volven estar nas contas públicas—, a Xunta recalca a comparativa coa contía de 10.878 millóns, é dicir, o orzamento de 2021 restados os 685 millóns extraordinarios para combater o coronavirus. 

Na exposición ante os xornalistas, o conselleiro, de novo con palabras emocionadas para o seu antecesor no cargo, falecido no seu despacho a comezos de mes, mostrou a distribución por consellerías, que reflicte incrementos do 23,4% en Medio Ambiente Territorio e Vivenda, do 14,2% en Política Social e do 11,4% nos órganos superiores dependentes da Presidencia.

A MESMA CIFRA, PERO "NON HABRÁ VACUNÓDROMOS". Este último aumento, o relativo aos órganos de Presidencia, que sitúa a cifra en 262,6 millóns, explicouno por crecementos nas partidas da Amtega (por dixitalización de servizos públicos, entre outros gastos) e en Emigración. 

Facenda estima que os beneficios fiscais subirán ata os 522 millóns, fronte a 472 no exercicio vixente 

Con 4.588,7 millóns de euros, a Consellería Sanidade queda en practicamente a mesma cifra que no orzamento de 2021, cando contou con 4.587,1 millóns, se se teñen en conta os fondos covid. A alza é dun 6,2% unha vez restados eses recursos extraordinarios. 

Cuestionado por este extremo, Corgos chamou a atención sobre que en 2022 non vai haber "vacunódromos nin reforzos nas Uci", ou iso esperou, aínda que matizou que "se é preciso" volverá facerse. "Pero non se espera que teñamos que volver investir nese tipo de gastos", incidiu, para concluír que se a cantidade que recibe Sanidade é case idéntica "quere dicir que se eses millóns seguen aí dedicaranse a outras cousas", como "reducir listas de espera, prestar servizos novos, reforzar o primaria etcétera, etcétera".

A outra pregunta, asegurou que o Goberno galego non vai deixar de financiar centros de saúde" e infraestruturas para este ámbito, aínda que a dotación de persoal "depende tamén de dispoñibilidade", algo para o que "hai escaseza en toda España" e "non é un problema exclusivo da comunidade".

Política Social destaca un incremento do 3,6% do seu orzamento, ata os 927 millóns, o "máis alto da historia" 

OUTROS DEPARTAMENTOS. Logo deste departamento sitúase Cultura, Educación e Universidade, cun repunte do 6,9%, que xa iguala ao do conxunto do orzamento. En termos absolutos, tras a partida destinada a sanidade sitúase precisamente a de cultura, educación e universidades, con 2.751,5 millóns. 

O aumento máis elevado, o que experimenta Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, deixa a este departamento con 262,3 millóns de euros. Mentres, as contas de Política Social soben ata 928,2 millóns de euros, que son un 14,2% máis sen contar fondos covid pero un 3,58% máis se o que se ten en conta é a cifra total, como de feito resaltou este mesmo mércores o seu titular, Fabiola García, durante un acto público. 

Pola súa banda, os números de Emprego e Igualdade crecen un 10,5%, ata 428,5 millóns; os de Medio Rural un 8,6%, ata 622,2; as de Vicepresidencia 1ª un 7,7%, ata 402,5 millóns; e as de Vicepresidencia 2ª (Economía, Empresa e Innovación) un 7,6%, ata 380,2 millóns. 

A Infraestruturas e Mobilidade correspóndenlle 465,7 millóns e co orzamento máis baixo queda a Consellería de Facenda, con 52,3 millóns.

CAEN OS GASTOS DE DIVERSAS CONSELLERÍAS. Ademais da partida para gastos financeiros da débeda pública, que baixa un 25,5%, ata os 74 millóns —a necesidade de financiamento en 2022 sitúase en 408 millóns de euros en termos de contabilidade nacional—, tamén cae a aglutinada baixo o epígrafe gastos de diversas consellerías, orzada para 2022 con 45,1 millóns, un 48,7% menos. 

Respecto diso, o titular de Facenda sinalou que se trata dun "caixón de xastre" e asegurou que o seu descenso se debe, entre outras cuestións, ao "aforro en alugueres", o cal "era unha obsesión" de Valeriano Martínez e "seguirá sendo" súa. En calquera caso, recoñeceu, nese apartado "había moito fondo covid extraordinario".

MÁS PARA PARLAMENTO, CONTAS, CONSULTIVO E CULTURA. Os que si percibirán máis das contas galegas de 2022 son o Consello da Cultura (+2,1%, ata 2,8 millóns), o Consultivo (+1,6%, ata 2,2), Contas (+1,4%, ata 7,9) e o Parlamento (+0,8%, ata 20,6 millóns). 

Mentres, as transferencias ás corporacións locais increméntanse un 6,8%, ata 135,7 millóns de euros, que son 8,7 millóns máis.

BAIXA O IRPF PARA 1.100.000 CONTRIBUíNTES. Cunha nova rebaixa da tarifa autonómica do IRPF (imposto sobre a renda das persoas físicas) que beneficiará a 1.100.000 contribuíntes, segundo os cálculos da consellería, Facenda estima que os beneficios fiscais subirán ata os 522 millóns de euros en 2022, fronte a 472 no exercicio vixente. 

Subliña, neste sentido, que o 92% dos beneficios fiscais son de carácter social, mentres que o novo responsable da consellería afirmou que a Xunta "non vai hipotecar nunca a necesidade de financiamento das diferentes políticas de gasto" por estes incentivos. 

Ao contrario, segundo argumentou, "a reforma fiscal intenta dinamizar aínda máis a demanda agregada da comunidade" e "trasladar a consumo" eses aforros. "Por iso a rebaixa concéntrase en rendas medias e baixas; deberíase traducir en crecemento do PIB (...) Confiamos en que sexa así", remarcou. 

A rebaixa do IRPF supón, segundo pormenorizou, a creación dun novo tramo e rebaixas de tipos marxinais ata unha determinada contía. Acerca da estimación do BNG —que dixo este martes que "a gran rebaixa fiscal de Feijóo supón a cada galego ao mes catro euros máis no seu peto"— ironizou co "esforzo interesante de cálculo de aforro fiscal", pois "é realmente difícil" logo de facer Facenda "18 escenarios" de simulacións.

XESTIÓN FONDOS EUROPEOS. Para rematar, interrogado sobre a mobilización de empregados públicos para xestionar fondos europeos, xustificou a redacción de diversas ordes para poder "contar con equipos que permitan unha xestión adecuada deses fondos". "Estamos nese proceso de aprobar equipos polo que non podo dar unha cifra determinada (...) Non temos unha cifra pechada a estes efectos", resolveu. 

POLÍTICA SOCIAL, O ORZAMENTO MÁS ALTO DA SÚA HISTORIA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou este mércores que os orzamentos do seu departamento para 2022 increméntanse nun 3,67 por cento con respecto ao presente exercicio, ata os 927 millóns de euros.  En declaracións aos medios antes de reunirse con representantes EAPN-Galicia en Santiago de Compostela, a conselleira puxo en valor que estes fondos supoñen "o dobre" do que se destinaba a política social no ano 2009. 

Nesa liña, incidiu en que o fondo destinado ás políticas sociais é "o máis alto da historia de Galicia". "Os orzamentos sociais máis altos da historia de Galicia destinados a darlle segundas oportunidades a todas as persoas que o están pasando mal", apuntou. 

A conselleira destacou que as principais partidas irán destinadas a loitar contra a pobreza, consolidar a renda de inclusión social e continuar apoiando aos maiores. Para iso, precisamente, avanzou que se aumentan as axudas de apoio e coidado ás persoas que necesitan axuda en casa e a tamén ás que acoden a un centro residencial. 

Ademais, apuntou que "unha das partidas máis importantes" será a destinada ao apoio das familias que teñan fillos. "Por iso o presidente acaba de anunciar a gratuidade das escolas de 0 a 3 anos", incidiu. "Nos orzamentos, todas as persoas que necesiten unha renda de inclusión social, vai estar garantida e van poder dispor dela no momento no que a necesiten para saír adiante", indicou.

Ademais, destacou que a Xunta continuará avanzando na modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia para adaptala tras a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital. 

Os orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 522 millóns de beneficios...
comentarios