Orozco pide permiso a De Lara para querelarse contra José Luis Álvarez

A defensa do alcalde de Lugo tamén presentou un escrito o pasado 1 de abril ante o Xulgado de Instrución Número 1, que instrúe a Operación Pokemon, no que pide permiso para "interpor a correspondente querela criminal polos supostos delitos de inxurias e calumnias" contra o empresario asturiano, José Luis Álvarez, o "único" que, segundo José López Orozco, "di que lle dixeron" que o rexedor cobrou subornos. 

Por outra banda, o empresario lucense que afirmou nun programa de radio que tiña información comprometedora para o alcalde e para algúns concelleiros do equipo de goberno de Lugo pediu desculpas a José López Orozco mediante unha carta, despois de que o Xulgado de Instrución Número 3 decretase a apertura de xuízo oral por un delito de calumnias.

Por mor desas declaracións do empresario, motivadas por desavinzas co goberno local pola restauración dos leóns que había nunha fonte histórica da cidade de Lugo, a titular do Xulgado de Instrución Número 3 abriu dilixencias contra o industrial e os avogados do propio alcalde presentaron no seu momento un escrito de acusación particular contra el.

Fontes xudiciais consultadas por EFE indicaron que o empresario pediu desculpas mediante unha carta ao rexedor local e que, polo tanto, o alcalde tomou a decisión de retirar a acusación contra el, aínda que o asunto segue a estar pendente de resolución por parte do Xulgado.

Comentarios