Orozco: ''A denuncia do alcalde de Friol non tiña sentido''

O alcalde de Lugo, José López Orozco, afirmou que a denuncia presentada polo rexedor local de Friol contra o exedil Medio Ambiente da capital lucense, Lino González Dopeso, pola retirada dos carteis anunciadores da feira do queixo en todo o territorio municipal "non tiña sentido", como o demostrou o xulgado co arquivo da querela.

En declaracións a EFE, Orozco recoñeceu que ese fallo xudicial supúxolle "unha alegría", non só pola situación "de Lino", senón "tamén polo bo facer do Concello de Lugo", porque veu demostrar que "cando se actúa en dereito" non hai nada que temer.

Desde o seu punto de vista, González Dopeso "non tiña culpa" e tampouco había "dolo na súa actuación", dado que "un Concello, sen ningún tipo de permiso colocou uns carteis" e a empresa concesionaria do servizo de limpeza "tomou a decisión de cumprir a normativa" e, polo tanto, "quitalos".

O Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que dirixe Pilar de Lara, decretou o sobresemento provisional da causa aberta contra o exedil de Medio Ambiente da capital lucense, Lino González Dopeso (PSdeG), por mor da denuncia interposta polo alcalde de Friol, Antonio Muiña, pola desaparición e a desfeita dos carteis anunciadores da feira do queixo que se celebra nese municipio.

O rexedor local, Antonio Muiña (PP), presentou unha denuncia por mor da desaparición en dous anos consecutivos de todos os carteis que colocou o Concello de Friol no termo municipal de Lugo para promocionar a súa tradicional feira do queixo, que se celebra no mes de marzo.

Esa denuncia acabou co exconcelleiro de Medio Ambiente de Lugo Lino González Dopeso prestando declaración como imputado por un delito de danos no despacho da xuíza Pilar de Lara.

Fontes xurídicas indicaron que González Dopeso explicou que o Concello de Friol non solicitara permiso ao de Lugo para colocar os carteis, polo que a empresa concesionaria do servizo de limpeza cumpriu cunha das obrigacións que estipula o seu contrato, que é retirar a publicidade ilegal.

Comentarios