jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

A ocupación hostaleira dispárase en Viveiro e a Ribeira Sacra esta Semana Santa

Turistas na compostelá Rúa do Franco. CÉSAR MÍGUEZ
Turistas na compostelá Rúa do Franco. CÉSAR MÍGUEZ

As previsións rolda en 100% na cidade do Landro e achéganse ao 97% no sur da provincia e ao 80% na capital lucense

A Semana Santa, unha das épocas do ano que permite aos negocios turísticos facer máis caixa, arrincou con boas perspectivas para o sector en Galicia a pesar de que este tempo gris e chuvioso non acompaña demasiado. As cifras de ocupación, un dos termómetros para medir a actividade en establecementos de hostalería e hospedaxe, avanzan que esta Pascua deixará un balance positivo en varias zonas. Para o Clúster Turismo de Galicia son "boas" e explica con cifras o motivo.

As previsións que manexa reflicten "subidas considerables" en cidades como Viveiro ou Ferrol, onde se rozará o cheo cunha ocupación que "podería roldar o 100%". Non en balde, son dous expoñentes das tradicionais procesións de Semana Santa na comunidade. Tamén se espera unha maior afluencia que o ano pasado —cando a festividade arrincou a finais de marzo— en Santiago e Lugo, onde os prognósticos apuntan a que os establecementos cubrirán o 80% da súa capacidade.

A Ribeira Sacra, co forte atractivo da súa paisaxe, é outro dos puntos que rexistrará un repunte da ocupación —de arredor do 97%, doce puntos máis que en 2018—, ata ter que colgar case o cartel de completo. E en urbes como Vigo e a Coruña, todo apunta que se manterán as taxas no 80 e 75%, respectivamente.

Con estas cifras, os negocios non teñen razóns para queixarse, aínda que desde o clúster, o seu presidente, Cesáreo Pardal, sostén que "poderían ser mellores" se houbese "unha boa coordinación aeroportuaria" entre Lavacolla, Peinador e Alvedro. Saca así a relucir nunha entrevista na Radio Galega un hándicap alimentado pola guerra localista ao que se intentou, sen éxito, buscar solución. Cre que se as tres terminais se coordinasen poderíanse captar máis turistas internacionais á parte dos que inxecta o Camiño de Santiago. "Hai que amosar ao turista que temos máis recursos", sinala.

En canto a un dos puntos débiles que se atribúen ao turismo en Galicia, o seu desestacionalización, Pardal destaca que seis de cada dez persoas que visitan esta terra chegan xa fóra da tempada estival, aínda que apostou por seguir "traballando" nesa dirección nunha comunidade con potencial para ser máis que un destino de sol e praia. Neste punto, avogou por seguir "buscando sinerxias coa gastronomía e a viticultura", xa que son reclamos destacados.

Máis aló de ser a fonte de ingresos de moitos negocios, o turismo é tamén un nicho de emprego. Esta Semana Santa prevese a creación de 7.000 postos de traballo no sector, que poderán cuadruplicarse de cara ao verán. Neste sentido, o presidente do clúster defendeu a aposta pola formación dual neste ámbito. "En tempadas estivais hai momentos nos que non hai man de obra apropiada para traballar nos establecementos hostaleiros", puxo de relevo Pardal.

A menos de dous anos para a chegada do Xacobeo 2021, augura xa que "vai marcar un antes e un despois", aínda que mostrou a súa preocupación polo que pasará "ao día seguinte" de terminar. 

Viveiro e Ferrol, a pleno ritmo
Galicia ten sete celebracións de Semana Santa coa distinción de interese galego: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela e a Semana Santa de Lugo. 

Ademais, dous destas celebracións de Semana Santa de Galicia contan coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional, a de Viveiro e a de Ferrol, que agrupan, ademais, a maior cantidade de visitantes que se desprazan nestas datas para participar nas súas procesións. 
 
A Semana Santa de Viveiro continua este luns ás 21,00 horas, coa tradicional 'Tamborrada'. O martes, ás 21,00 horas, arrincará da Igrexa de San Francisco o Via Crucis de Mulleres, mentres que ao día seguinte, ás 22,00 horas, farao o Via Crucis de Homes. 

A ocupación hostaleira dispárase en Viveiro e a Ribeira Sacra esta...
Comentarios