O PPdeG ratifica o seu rexeitamento a investigar o accidente de Angrois

A iniciativa partía de En Marea e do BNG
Pedro Puy
photo_camera Pedro Puy

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, ratificou este luns o rexeitamento do grupo maioritario a abrir unha comisión de investigación no Pazo do Hórreo sobre o accidente ferroviario de Angrois, á vez que recordou que o Regulamento da Cámara obriga a activala automaticamente no caso de que o soliciten 30 deputados de distintos grupos. En concreto, tras a última reforma da normativa parlamentaria, a oposición pode forzar unha comisión de investigación por lexislatura aínda sen contar coa maioría absoluta.

Constituirase sempre que así o pidan un terzo dos deputados (25) que pertenzan a un mesmo grupo ou, na súa falta, as dúas quintas partes (30) se forman parte de forzas diferentes. No caso desta nova petición de investigación parlamentaria sobre o sinistro acaecido o 24 de xullo de 2013, parte de En Marea, con 14 deputados, e o BNG, con seis. Xa que logo, faría falta, polo menos, a firma de 10 dos 14 representantes do PSdeG no Pazo do Hórreo.

O portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa avanzou que non ve "oportuno gastar a única bala de prata" ao comezo da lexislatura e nunha cuestión de competencia "exclusiva" do Estado. Precisamente esa idea é a que leva aos populares, segundo reiterou Pedro Puy en rolda de prensa, a oporse á súa creación, por entender que un órgano destas características nun parlamento autonómico "non levaría a ningunha conclusión".

Ao seu xuízo, o que procede é demandar do Estado "un informe incontrovertido" sobre as causas do sinistro. Tras recordar que o emitido pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) foi posto en cuestión pola propia Unión Europea, o dirixente popular reafirmou o "apoio" e a "solidariedade" da súa formación coas vítimas e as súas familias e fixo votos por que se coñeza a "verdade" sobre as causas do "dramático e lamentable" sinistro.

OUTROS ASUNTOS DO PLENO. Máis aló desta cuestión, que se debaterá no arranque do pleno que comeza o martes, Puy Fraga avanzou que o seu grupo pedirá á Xunta que todos os concellos rurais teñan en 2020 unha casa niño, a fin de facilitar a conciliación e de contribuír á dinamización demográfica. Así mesmo, requirirá ao Goberno autonómico que faga un estudo sobre o impacto do Brexit nas exportacións galegas ao Reino Unido, que cifrou nuns 1.500 millóns de euros anuais.

ALFONSO RUEDA. O presidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, recibirá este martes ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois agrupadas na plataforma Alvia 04155. En declaracións aos medios, Rueda, que substitúe ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ata que este se reincorpore ao seu traballo despois de ter o seu primeiro fillo a pasada semana, ratificou que a Xunta recibiu esa solicitude de reunión, e que a mesma será atendida.

Comentarios