O lucense José Antonio Quiroga, novo presidente da CHMS

O secretario de organización do PSdeG, natural do Saviñao, deixará o seu escano no Parlamento galego, onde o substituirá a mariñá Patricia Otero

José Antonio Quiroga. EP
photo_camera José Antonio Quiroga. EP

O Ministerio para a Transición Ecolóxica nomeou novos presidentes das confederacións hidrográficas, entre eles o do Miño-Sil, que asume desde este mércores o secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga. 

Quiroga, deputado no Parlamento galego, deixará nos próximos días o seu escano, que ocupará Patricia Otero, de Burela, segundo informaron a Europa Press fontes do PSdeG. 

Nun comunicado, o ministerio destaca que o obxectivo deste e o resto de nomeamentos é "avanzar na instauración dunha nova política da auga que ofreza solucións aos desafíos ambientais de España no futuro, coa sustentabilidade e a seguridade como bases fundamentais". 

O novo responsable da confederación hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz (1960), é licenciado en xeografía e historia e graduado en xeografía rural pola Universidade de Santiago. 

Desde 2002 é o director do Ecomuseo de Arxeriz, "pioneiro en Galicia e que dispón dunha sala especial dedicada á cultura fluvial dos ríos Miño e Sil".

TRAXECTORIA. Da súa traxectoria profesional, o departamento engade que foi técnico de xestión de proxectos na Deputación de Lugo (2012-2015) e director provincial SPEE-INEM desa mesma provincia (2004-2011). 

Mentres, sobre a súa experiencia docente, apunta que foi director, xefe de estudos e profesor de CPI Dr. López Suárez en Escairón (1999-2004), director da Escola Taller Terras do Saviñao (1993-1996) e profesor IESA Lama das Quendas de Chantada (1988-1998). 
 

Comentarios