Os galegos saímos da crise en condicións peores que o resto

"Separámonos" de España cun crecemento máis lento -o 0,5% fronte ao 1,4-, con menos solidez, máis volátil e máis sensible aos acontecementos, apunta

O Foro Económico de Galicia presentou este xoves o seu primeiro informe de conxuntura de 2015, que reflicte que a Comunidade autónoma está a saír peor da crise que o conxunto do Estado, como indica o crecemento de 2014, que foi do 1,4% no Estado e do 0,5% en Galicia.

Así, o dato positivo de catro trimestres consecutivos de crecemento, matízase coa debilidade "significativamente" maior da economía galega, que vén determinada tanto polo parón do sector exterior como pola atonía da demanda interna.

O primeiro leva cinco trimestres consecutivos con achegas negativas ao crecemento do PIB e un dos aspectos "máis negativos" é a redución do número de empresas galegas que venden fóra de España, "un feito que non acontecía desde o ano 2009".

En canto á demanda interna, presenta valores positivos na súa achega ao PIB (0,7%), con crecemento do investimento tras seis anos de contracción (1,3%), pero un impulso "máis curto e débil" que no resto das Comunidades autónomas.

"Separámonos" de España cunha economía que vai máis amodo, con menos solidez, máis volátil e máis sensible aos acontecementos, apuntan os expertos

O coordinador do informe, Fernando González Laxe, explicou na presentación do documento en conferencia de prensa que as crises "deixan pegadas moi profundas e secuelas moi desfavorables e gretas que esixen reparación e selado" e agregou que, na comparación con España, percíbese a profundidade destas gretas no caso galego. Desta forma, recordou que Galicia crecía antes da crise máis que a media e agora está a avanzar na saída "con máis debilidade". "Separámonos" de España -insistiu- cunha economía que vai máis amodo, con menos solidez, máis volátil e máis sensible aos acontecementos.

Para o economista, que foi presidente da Xunta, as causas da perda de empresas exportadoras son "obvias" e céntranse no tamaño das mesmas e no seu compoñente tecnolóxico para ser competitivas. Ademais, na demanda interna valorou o aumento do investimento, aínda que nas empresas grandes, que xa están internacionalizadas, pero engadiu que se estabilizou o consumo privado e retrocedeu o público.

Desde o punto de vista da oferta, "o aspecto máis negativo é o retroceso da actividade industrial", que en 2014 foi do 2,5%, mentres que no conxunto do Estado creceu un 1,5% e en Galicia supón un 16% da economía e en España e a Unión Europea, en torno ao 20%.

Desde o punto de vista da oferta, "o aspecto máis negativo é o retroceso da actividade industrial"

En canto ao mercado de traballo, o estudo recorda que a ocupación estimada pola EPA reduciuse nun 0,8% en termos de traballo equivalente a tempo completo e, por primeira vez reduciuse a taxa de paro, o que matiza coa caída da poboación activa, que a taxa de paro é a máis elevada da cornixa cantábrica e continúa o crecemento dos parados de moi longa duración.

González Laxe, que dixo: "Se non crecemos máis non creamos emprego", sinalou que Galicia non pode seguir co "modelo clásico" de Turismo e Construción e avogou pola industria con base tecnolóxica e o capital humano.

Aínda que a produtividade ten un saldo positivo, o especialista explicou que se debe á redución da poboación requirida para producir máis que ao incremento do outro factor, o crecemento do PIB, "pero, en magnitudes reais -resaltou- (a produtividade) diminúe".

En termos xerais, o profesor de Economía subliñou que os datos apuntan que a economía española non se consolida como a española, un aspecto sobre o que -considerou- "a Xunta debe reflexionar" e resaltou a importancia económica das expectativas, para agregar que "cando anuncias moitas expectativas e levas moitos anos anunciando expectativas que non se cumpren, xeras frustración".

Sobre o papel do sector público, estimou que o crecemento é "imposible" sen o seu concurso, sobre todo para as empresas pequenas e medianas, pois as grandes necesitan menos ese apoio público e bástalles que non estorbe".

O crecemento do sector público é "imposible" sen o seu concurso, sobre todo para as empresas pequenas e medianas

Preguntado por se é preciso un xiro na política económica, González Laxe respondeu que supón que si, pero agregou que cre que a "Consellería encargada" traballa na diagnosis e a posta dese xiro ao servizo dos axentes económicos.

Respecto da relación que se comenta do cumprimento do déficit e o crecemento, no sentido de que as menos cumpridoras creceron máis, o tamén profesor de Economía e membro do Foro Santiago Lago rexeitou esa relación "con carácter xeral" e, aínda que recoñeceu que no ano 2014 coincidira, pediu "prudencia" nestas aseveracións.

Distinguiu, no entanto o curto prazo, e considerou máis beneficioso facer fincapé para que o Estado, como xa está a facer o Goberno central, rebaixe a presión sobre o cumprimento do déficit, cando Galicia, ademais, mantén a rebaixa salarial no sector público e non aplica a rebaixa do IRPF como outras Comunidades.

Na súa opinión, Galicia ten que pór sobre a mesa obxectivos de déficit "máis acordes coa realidade" e o conxunto das Comunidades autónomas e subliñou que a Xunta cumpriu como un Goberno serio, pero "esa seriedade deixou de ser o máis intelixente neste momento".

Concluíu que "o escenario cambiou" e 2015 non é 2013, polo que Galicia debería "mirar que fan os demais e adaptarse".

Comentarios