O comercio galego inicia as rebaixas de inverno sen grandes aglomeracións

O sector prevé un incremento de facturación do cinco por cento
Descuentos en unos grandes almacenes
photo_camera Descuentos en unos grandes almacenes

Este sábado 7 de xaneiro deron comezo en toda España as rebaixas de inverno. En Galicia, o sector do comercio espera un incremento de entre o 4 e o 5 por cento na súa facturación no período de desconto.

Que o arranque das rebaixas coincida cun sábado axudou a que os comercios vivan unha xornada de gran afluencia de xente. Con todo, están lonxe as aglomeracións que adoitaban producirse cada 7 de xaneiro co inicio das tradicionais rebaixas de inverno. Isto é debido a que desde o ano 2012 non existen restricións aos períodos de desconto, polo que non é difícil atopar en calquera época do ano carteis do 50% ou 70% de desconto nos escaparates dos comercios.

O bo tempo que se rexistra en boa parte do territorio galego nesta xornada animou a moitos compradores a acudir ao centro das localidades e deixar de lado os centros comerciais que, no entanto, tamén vivirán un fin de semana con máis afluencia do habitual.

E é que, a coincidencia do arranque das rebaixas co inicio do fin de semana dá pé a que sexan moitos máis os que se lancen a comprar este 7 de xaneiro, no que moitos tamén acudirán aos comercios dispostos a cambiar os agasallos do Nadal cos que non quedaron satisfeitos.

AUMENTO DE VENDAS. Así as cousas, o comercio en Galicia prevé un incremento de entre o 4% e o 5% na súa facturación polas rebaixas de inverno, que empezan este sábado, 7 de xaneiro, naqueles establecementos que opten por manter a data tradicional.

Aínda que desde hai anos a regulación xa non obriga a esperar e os descontos son habituais en calquera tempada, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recorda que o seu consello é "aproveitar" a data do 7 de xaneiro "para que o consumidor teña unha referencia".

En declaracións a Europa Press, Seijas dá por feito que este ano se producirá un repunte nas compras de xaneiro posto que "a xente ten máis confianza", percíbese "máis alegría" e xa van case 30 meses de aumentos interanuais no volume de negocio, tras o longo período de crise.

En canto ao aumento da contratación, cre que no pequeno comercio notarase pouco, porque é un sector de emprego maioritariamente fixo, e no que en xaneiro "acaba o reforzo".

Comentarios