O Carballiño convértese un ano máis na capital do polbo

Baixo paraugas ou lonas de plástico, miles de visitantes celebraron este domingo a 52 edición da Festa do Polbo do Carballiño, declarada de Interese Turístico, a pesar do intenso chuvieiro que caeu durante a xornada.

Con todo, a persistente choiva caída no recinto no parque municipal non impediu que a localidade se convertese, un ano máis, en punto de encontro para miles de galegos que acoden anualmente a esta cita, moitos deles procedentes da emigración, aínda que si desluciu algo a festa.

A media mañá un desfile de grupos folclóricos interpretou diferentes temas nesta festa dedicada ás pulpeiras de Arcos, expertas na preparación do cefalópodo, nesta localidade ourensá. Á presenza de galegos residentes no exterior sumouse este ano os residentes en Cataluña, comunidade invitada nesta edición.

En representación desta autonomía, Ernesto Lagarón, manifestou no acto inaugural que é "unha honra" a dedicación realizada este ano aos galegos residentes en Cataluña, onde actualmente viven unhas 100.000 persoas e que esperaban hoxe sentirse como en casa.

En total, tres federacións, que integran a 17 asociacións galegas, de Barcelona, Hospitalet, Cornellá e Badalona, acudiron a esta cita, tras percorrer os mil quilómetros que separan a estas localidades de ambos lados da Península.

A titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, o rexedor popular do Carballiño, Argimiro Marnotes, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a directora de Turismo, Nava Castro, así como directivos da entidade galega de Abanca completaron a terna de autoridades e de personalidades invitadas.

Rosa Quintana, asidua -segundo dixo- a este evento, resaltou a "fusión entre a zona costeira e de interior", representada a través desta Festa do Polbo, que enxalza un produto do mar "extraído das nosas costas e que xera riqueza" na comunidade galega.

Nesta localidade ourensá, lugar emblemático para degustar o cefalópodo, a titular de Medio Ambiente referendou que "non hai mellor sitio en toda Galicia onde se coma polbo que aquí en Carballiño", asegurou Quintana, unha unión terra-mar, que é "o emblema de Galicia" e terra de acollida "para aqueles que nos deixaron", precisou.

Un ano máis, Turismo de Galicia apoiou a celebración desta festa que sitúa a Carballiño en epicentro da degustación deste cefalópodo acompañado con algúns dos produtos máis distintivos do destino Ribeiro. Como previsión inicial, a organización estimaba repartir uns "35.000 quilos" de polbo cociñado por uns 27 pulpeiros.

Coa vista posta no ceo, o alcalde, Argimiro Marnotes, comentou a boa afluencia de xente a pesar da choiva que acompañou aos comensais en toda a comida.

A repartición de obsequios, como un prato de polbo conmemorativo, puxo o broche de ouro á Festa do Polbo, que estivo amenizada pola música das bandas, e que pon fin a unha semana repleta de actos, entre eles a realización dunha tapa xigante de polbo para o Guinness.

Comentarios