O BNG colapsa unha das peaxes da AP-9 ao pagar con céntimos para reclamar a súa gratuidade

Callón considera unha "estafa legalizada" as tarifas por usar unha infraestrutura "amplamente amortizada" e censura a "amnesia selectiva" dos outros partidos
Callón protagonizó un acto simbólico de protesta para reivindicar la transferencia a Galicia de la AP-9
photo_camera Callón protagonizó un acto simbólico de protesta para reivindicar la transferencia a Galicia de la AP-9

O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carlos Callón, pediu este martes a gratuidade da circulación pola autoestrada AP-9, que vai desde Ferrol ata Tui, liderando unha caravana de vehículos que pagaron as tarifas con céntimos e que colapsaron unha das súas peaxes, a de Guísamo. Con este acto simbólico de protesta no municipio coruñés de Bergondo, o Bloque reivindicou a transferencia desta infraestrutura, que ao seu xuízo debe ser xestionada desde Galicia para deixar de pagar as peaxes máis caras do Estado.

"É unha estafa que viaxar entre Ferrol e Tui percorrendo douscentos quilómetros sexa o dobre de caro en peaxes que os seiscentos quilómetros que separan Vigo de Madrid", alegou o candidato nacionalista, para a continuación censurar a "amnesia selectiva, cando non puras mentiras" das forzas estatais. "En campaña prometen sobre a AP-9 o que non levan nin nos seus programas electorais nin defenderon no Congreso ao longo desta mini lexislatura fracasada, pese a que tiñan unha maioría para facelo", criticou, antes de cualificar de "estafa legalizada" os pagos nas peaxes da AP-9. "Debe ser transferida para camiñar cara a unha progresiva gratuidade, posto que está amplamente amortizada", alegou.

O partido nacionalista pediu a todos os deputados portavoces galegos que se comprometesen con esta iniciativa, pero "todos dixeron que non e algúns nin tiveron a educación de responder a carta", concluíu Callón.  

Comentarios