2 accidentes en Cambados e Pontecaldelas sáldanse con 9 feridos

Nove persoas resultaron feridas, entre elas unha muller embarazada, en dous accidentes de tráfico ocorridos este venres en Cambados e Pontecaldelas.

Os dous sinistros tiveron lugar nun intervalo de cinco minutos, segundo informaron fontes de Tráfico. O primeiro deles ocorreu no punto quilométrico 4 da estrada VG-4.2, no termo municipal de Cambados.

Dous vehículos chocaron de fronte co resultado de tres feridos, un dos cales tivo que ser excarcerado polos bombeiros.

O outro accidente ocorreu o quilómetro 3,5 da estrada PO-255, no termo municipal de Pontecaldelas, nunha colisión fronto-lateral. Neste sinistro resultaron feridas seis persoas, unha delas unha muller embarazada.

Ferido grave na A-6
O condutor dun turismo resultou este venres ferido de gravidade tras un accidente de tráfico rexistrado na Autovía do Noroeste (A-6) á altura do concello coruñés de Aranga, segundo informou o servizo de atención de urxencias 112. O ferido tivo que ser trasladado en helicóptero a un centro hospitalario coruñés logo de sufrir a rotura dunha perna, tal como explicou a Garda Civil de Tráfico da Coruña.

O suceso produciuse no quilómetro 543,1 da A-6 (A Coruña-Benavente), en dirección a Madrid. O vehículo no que circulaba o condutor saíuse da vía por causas que se descoñecen.

Froito do impacto, o condutor sufriu a rotura dunha perna e tivo que ser trasladado de urxencia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). O ferido foi conducido ata alí polo helicóptero do 112 con base en Santiago.

Comentarios