Novas mobilizacións contra as ''agresións'' á área sanitaria de Vigo

A Xunta de persoal da área sanitaria de Vigo programou un calendario de mobilizacións contra as "agresións" da Xunta que comezará cunha concentración fronte ao hospital Xeral o 15 de xullo e finalizará cunha manifestación o 9 de outubro que rematará na Porta do Sol.

Nun comunicado, a Xunta de persoal do CHUVI expresa o seu "rotundo rexeitamento" á ausencia dun laboratorio central no novo hospital que se constrúe en Beade, unha decisión que carrexará "consecuencias asistenciais de primeira magnitude" para os pacientes.

Incide en que a localización deste servizo no hospital Meixoeiro, a uns 8 quilómetros de distancia, suporá un aumento nos tempos de resposta e un consecuente incremento da morbimortalidade, de especial transcendencia no caso de pacientes críticos.

Esta nova "agresión" súmase á reordenación do mapa sanitario galego, que detrae 300.000 cartóns da área viguesa, ás "falsas promesas dunha reforma integral no Meixoeiro e ao "insólito e desproporcionado" peche de camas programado durante os meses de verán, cando padece a maior lista de espera de Galicia.

A Xunta de persoal circunscribe todos estes feitos nunha "política de privatización" que, no caso de Vigo, plásmase na construción do novo hospital baixo o modelo de colaboración pública-privada que, entre outras consecuencias, está a provocar un "drástico recorte" sobre o proxecto inicial. Por todos estes motivos invita á cidadanía a participar nas concentracións programadas o 15 e 29 de xullo, e o 12 e 26 de agosto, así como na manifestación do 9 de outubro, todas elas no Hospital Xeral.

Comentarios